5/25/2010

Pagou a pena ir a Rinlo

...en todos os sentidos. O estupendo día meteorolóxico resultou plenamente consecuente co resultado e aproveitamento da visita que máis de 30 persoas poidemos atopar o pasado domingo. A xornada comezou cunha breve e interesante exposición verbal e gráfica de Carlota Eirós, a nosa guía para coñecer esta localidade tan especial da Mariña, sobre os restos de cetáreas que se poden atopar na costa galega desde A Guarda ata Ribadeo, coas diferentes tipoloxías de cada zona e outras curiosidades e datos de interese.
A continuación comezamos o percorrido polas tres cetáreas que se conservan en Rinlo, en diferente estado de conservación pero as tres moi importantes pola súa dimensión e polas especiais características derivadas da súa adaptación a esta costa. Seguimos o paseo polo núcleo de Rinlo, en particular pola parte máis antiga, de orixe medieval e con interesantes observacións que nos permitiron coñecer algúns rasgos tipolóxicos das construcións e das estreitas rúas ou congostras, perfectamente organizadas para a función que cumpriron ao longo dos séculos no contexto dunha poboación que practicaba unha economía mixta agraria e mariñeira.
A xornada rematou arredor dun arroz caldoso de lumbrigante que nos acabou de deixar un inmellorable sabor de boca.

Pódense ver imaxes aquí:



5/15/2010

Nova actividade de MariñaPatrimonio


PASEO POR RINLO.
A ROTA DAS CETÁREAS
Domingo, 23 de maio
11 da mañá
Antiga Escola de Rinlo

A visita será guíada pola arquitecta Carlota Eiros* , que fará unha intervención previa á visita por Rinlo e ás antigas cetáreas.
É conveniente inscribirse utilizando o noso enderezo de correo electrónico:

mr.patrimonio@gmail.com


*Carlota Eiros García
(Meira, 1962). Arquitecta. Estudos nas universidades de Barcelona e A Coruña. De 1989 a 1996 residiu en Inglaterra, onde se especializou en Restauración histórica na Oxford Brookes University. En 1998 publicou A Casa Grande do Século XIX. No 2000 concluíu o Rexistro e Catalogación das Casas Grandes da Terra Cha. Unha das súas obras como arquitecta foi incluída entre as 25 mellores casas modernas de Galiza descritas en 25 Galician Houses (Ed. Espontáneas, 2005). Actualmente anda a traballar na restauración arqueolóxica do barrio de orixe medieval da Ribeira de Rinlo (Ribadeo)

5/10/2010

Visita a San Martiño


O domingo 9 de maio Mariñapatrimonio achegouse a San Martiño para facer, como estaba prevista, a visita guiada ás pinturas murais desta xoia do noso patrimonio.
Foron moitas máis das persoas que inicialmente se tiñan inscrito nesta actividade as que se deron cita no adro da igrexa ás 12:30 horas.
Despois das palabras de benvida aos asistentes pronunciadas polo noso presidente que lembrou as actividades que está a desenvolver ou que proxecta a Asociación
( exposición itinerante sobre a industria do ferro, iniciativas arredor da defensa do Castro da Atalaia, Paseo por Rinlo…), presentou ao Presidente da asociación focega A Pomba do Arco, Xoán Ramón Fernández Pacios que colaborou con Mariñapatrimonio na convocatoria deste acto.
Xoán Ramón, historiador e autor, entre outros, do libro “San Gonzalo bispo mindoniense” fixo unha fermosa intervención que, polo seu interese, reproducimos:
“…Hoxe estamos aquí, en San Martiño, para saber un pouco máis da historia deste monumento, desta xoia do románico galego, desta basílica aínda que a min, persoalmente me gusta chamala a antiga catedral. Os muros que me rodean son obra de dous bispos, dende a porta ata o cruceiro son obra do bispo do Munio, que chegado de Santiago estivo case todo o seu bispado ao lado do rei Afonso VII e polo tanto lonxe destas terras e as ábsidas son obra de Gonzalo Fróilaz, o Bispo Santo que temos soterrado nese sinxelo sartego, home de pobo e amado polo seu pobo. Hoxe moitos de vos acompañaredes a súa imaxe ata a súa capela. Levaredes a súa imaxe porque somos un pobo agradecido que lembra a aquel bispo que loitou contra tódolos poderes do momento para salvar o que máis quería, San Martiño. Só a súa morte puido frear o seu labor e pensade, hoxe, cando o acompañedes, que neste ano do 2010 cúmprense mil anos da morte deste bispo que tanto quixemos e ao que o pobo canonizou.
Pero, San Martiño de Mondoñedo é moito máis que o bispo Gonzalo, son as tumbas con escritura súevica aparecidas nas escavacións de Chamoso Lamas e que nos conectan co Reino Suevo de Galiza e, posteriormente, con aquel famoso Mosteiro Máximo, sede principal do bispado dos bretóns, co seu bispo Maeloc á cabeza. Pero San Martiño é moito máis, é Sabarico II e San Rosendo é a cultura do século X, que paseou por estas rúas, que viviu e xurdiu dentro destes muros. E San Martiño é, tamén, pinturas. Perdimos as do milagre de San Gonzalo, das que só conservamos unhas letras pero recuperamos unhas novas, que deben situar a San Martiño no lugar que debe ocupar.
Estimamos que para falar destas pinturas só o podía facer a persoa responsable do seu achádego e da súa restauración, é dicir, Branca Besteiro.
Branca é Licenciada en Belas Artas pola Facultade de Belas Artes de San Fernándo, da Universidade Complutense de Madrid na Especialidade de Restauración en Policromía sobre tela, madeira, mural e grabado.
O seu curriculo é impresionante aparte de extenso, agardo que me permita resumilo destacando tan só a súa faceta de restauradora en pinturas murais. Se empezo a falar dos retábulos, imaxinería en madeira e bronce que ten esta muller restaurado, tanto en Galiza como no estado español, lémbrome agora das túas restauración sen Madrid e Salamanca, non remataría ata despois de comer. De aí que só vaia falar do seu traballo entorno a pintura mural e circunscribindoo territorialmente a Galiza .
Branca foi a responsable, entre outras cousas, da restauración de pinturas murais en Bóveda, en Lugo, Paradela, San Pedro de Rocas (Ourense), Meira, Portomarín, no mosteiro de Samos, no Incio, en Santiago de Compostela, San Vicente de Pombeiro, Santa María de Mañón, Cebreiro, Melide, Santa María de Mosteiro, Castroverde, Friol, Viveiro e San Martiño de Mondoñedo. Debo dicirvos que me quedan máis nomes de lugares no tinteiro que os que saquei aquí. Tendo en conta a súa experiencia dilatada pensamos que debía ser ela a que nos amosase o proceso de restauración das pinturas e nos explicase o seu significado e cronoloxía…”
De seguido a restauradora Branca Besteiro fixo un completo resume do seu traballo na igrexa de San Martiño, explicando a técnica de execución da pintura mural románica, utilizando como apoio as imaxes proxectadas nunha pantalla que nos serviu , ao nutrido grupo que seguía esta visita guiada , para comprobar o estado no que se atopaban as pinturas antes da restauración e para nos decatar da importancia desta intervención que descubre o ciclo pictórico de San Martín de Mondoñedo.
Por certo, como ao rematar a visita foron varias as persoas que se interesaron polos traballos publicados sobre esta magnífica restauración, facilitámoslles desde aquí os seguintes enderezos de Internet:

http://www.amigosdelromanico.org/revistaromanico.html

http://www.arteguias.com/revistaromanico.htm

Tamén Branca Besteiro ten publicado no nº 25 da Revista de Estudos Mindonienses un interesante artigo titulado “ As pinturas murais de S. Martiño de Mondoñedo”

Podes ver as fotos da visita aquí:
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=mr.patrimonio&target=PHOTO&id=5469327276357628018&aid=5469327116415319841&authkey=Gv1sRgCIX419i51bXLYw&feat=email

4/30/2010

Próxima visita guiada a San Martiño


Domingo 9 de maio, ás 12:30 horas da mañá.

Esta visita estará guiada pola restauradora Branca Besteiro que fará un percorrido pola historia das pinturas contando co apoio dunha proxección que se realizará na propia igrexia. Esta actividade está organizada en colaboración coa asociación A Pomba do Arco, de Foz e conta co apoio das asociacións veciñais do concello.

4/28/2010

A Pontenova acolle a Exposición sobre o ferro

O Museo do Salmón na localidade de A Pontenova acolle desde onte día 27 de abril e até o día 8 de maio a exposición itinerante arredor da Industria do Ferro que Mariñapatrimonio ten a disposición de institucións e asociacións da comarca.

A exposición, que leva por título “ A industria do ferro no norte de Lugo e no occidente astur”, recolle a orixe e a evolución histórica do traballo do ferro nesta zona, os lugares de extracción e traballo ( explotacións mineiras, ferrarías, mazos e forxas), a elaboración de obxectos de corte e tres lugares sobranceiros na dedicación á manufactura de obxectos de ferro: A Pontenova, Riotorto e Taramundi.

Esta mostra pode ser visitada todos os días en horario de 11 a 20 horas.

4/17/2010

A exposición itinerante sobre a industria do ferro chega a Riotorto

A exposición itinerante, realizada pola Asociación Mariñapatrimonio, sobre a industria do ferro chega a Riotorto onde vai estar aberta na Casa da Cultura deste concello até o día 23 de abril.

A mostra, que leva por título “ A industria do ferro no norte de Lugo e no occidente astur”, recolle a orixe e a evolución histórica do traballo do ferro nesta zona, os lugares de extracción e traballo (explotacións mineiras, ferrarías, mazos e forxas), a elaboración de obxectos de corte e tres lugares sobranceiros na dedicación á manufactura de obxectos de ferro: A Pontenova, Riotorto e Taramundi.

A exposición estará aberta aos visitantes de 9:30 a 14 horas e de 16:30 ás 20 horas na localidade de Riotorto que este domingo celebra a cuarta edición da Feira da Artesanía do Ferro.


4/02/2010

Cazando elefantes en San Cibrao


Publicamos esta interesante reportaxe feita polo xornal EL PAÍS sobre os útiles do paleolítico do río Covo.

EL PAÍS

SILVIA R. PONTEVEDRA - Santiago - 28/03/2010
Cecilia paseaba hai uns días pola beira do río Covo cando descubriu entre os coios redondos unha pedra grande e afiada que se parecía aos útiles primitivos de sílex que vira nalgunha ocasión. A muller, veciña dunha urbanización que se chama como o río, en San Cibrao (Cervo), non o dubidou demasiado. Avisou axiña a un membro de MariñaPatrimonio, unha agrupación cultural que naceu para defender o castro da Atalaia, precisamente na desembocadura do Covo, dunha tropelía urbanística con licenza municipal. O colectivo localizou entón entre os pelouros outras sete pezas de similares características e informou á Xunta, que o luns pasado mandou ao lugar a un arqueólogo. Era certo. Aquelas pedras foran talladas por unha man humana, ou máis ben homínida, e non eran oito, senón 12. Unha ducia de utensilios pesados, pouco manexables pero tan prácticos para os seus donos como unha navalla suíza con motoserra, que poderían ter unha antigüidade de entre 300.000 e 100.000 anos.

As dúbidas, a partir de agora, iranse despexando no museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, onde o xoves quedaron depositados estes apeiros primitivos para a súa custodia e investigación. "Temos 12 pedras e unha chea de incógnitas", recoñece o director do museo, Eduardo Ramil. Os utensilios, raedeiras, fendedores e bifaces, atopáronse nunha das chamadas terrazas fluviais de Cervo, terreos chairos abundantes en cantos rodados e terra moi fértil grazas aos sedimentos dos ríos que ao longo de miles de anos modificaron as súas canles polo val deixando ao aire campos de cultivo.

"Os veciños, para poder traballalas, foron apartando para as beiras os cantos", explica Manuel Miranda, integrante de MariñaPatrimonio. Nunha desas moreas apareceron os útiles paleolíticos. Pero agora, segundo Ramil, haberá que tentar saber se sempre estiveron aí (porque nese lugar tan cheo de pedras atopaban a materia prima para as súas armas e alí mesmo tallábanas) ou se chegaron arrastrados pola corrente, nun período da historia no que se produciron cambios radicais na paisaxe.

O que parece que está claro é que o ser que tallou esas pedras era o Homo heidelbergensis, probable sucesor do Homo antecesor e tataratataravó do neandertal. Un homínido de face aínda moi simiesca, pero alto (1,75-1,80 metros de estatura) e robusto (uns 100 quilos, os machos adultos). Cun cerebro de capacidade semellante ao do home actual, dentes pequenos, nariz chato con grandes orificios e nada de queixelo. E intelixencia e pericia suficiente para acender un lume, para comunicarse coa voz, para sentir vínculos familiares, apiadarse do próximo e inventar formas de facer música recorrendo a instrumentos como as estalactitas. Non vivían máis aló de 40 anos, e a esta idade chegaban, xa desdentados, grazas á solidariedade dos mozos, que logo lles daban, á súa maneira, sepultura.

En Atapuerca apareceron máis ósos de heidelbergensis que en ningún outro lugar do mundo. Con todo, o primeiro dos restos deste homínido, unha mandíbula inferior, descubriuno un traballador dunha mina de Mauer, en Heidelberg (Alemaña), en 1908.

Ramil explica que se dedicaban "a colleitar, a cazar e a alimentarse da carroña". Movíanse fuxindo do frío, e buscando manadas de animais, auga e pedras coas que fabricar os seus utensilios, aínda que tamén chegaron a tallar madeira e óso. Se tiñan o que necesitaban, non cambiaban o lugar no que estaban asentados, e moitas veces recorrían á "caza de descoido". Vían un animal grande e enfermo e seguíano ata que morría. Entón abríano e esnaquizaban cos seus bifaces, unhas pedras grandes, afiadas polas dúas caras, de forma simétrica, que tiñan que agarrar coas dúas mans. "O peso da pedra axudaba a cortar tanto como a punta", e a ferramenta multiusos valía o mesmo para cortar a carne que para partir un tronco de carballo, que xa os había entón en Galicia. Con todo, entre as árbores, ademais de osos e cervos grandes movíanse os rinocerontes e os elefantes. Coas súas pedras talladas aqueles homes primitivos "sacaban os ósos" xigantes e comían a medula", o mellor dos manxares.

3/22/2010

Novo xacemento arqueolóxico do paleolítico inferior en Cervo


MariñaPatrimonio informa ao Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura do lugar no que se atopa un novo xacemento arqueolóxico do Paleolítico inferior.

A semana pasada MariñaPatrimonio púxose en contacto con Patrimonio para informar sobre o achado casual duns útiles líticos nunha terraza fluvial do río Covo, río que desemboca en San Cibrao (Cervo).
Na xornada de hoxe o arqueólogo da Consellería de Cultura, acompañado por membros de MariñaPatrimonio, achegouse ao lugar para recadar información sobre a zona e recolleu 12 útiles líticos, entre os que se atopan raedeiras, fendedores e bifaces. Este tipo de útiles líticos, que poden ter unha antigüidade de 300.000 anos, son o testemuño máis antigo de presenza humana na Mariña.
Co achado deste novo xacemento, confírmase unha vez máis a enorme riqueza arqueolóxica e patrimonial do concello de Cervo.

Pincha aquí para ver as imaxes dos achados:


Presentación Modelo Burela


Mariñapatrimonio
convídao
á presentación do vídeo
Modelo Burela
*
Intervirán:
Matías Nicieza ( director do documental )
Bernardo Penabade ( Profesor )
Dores Santos ( Protagonista )
*
Xoves día 25 de marzo
20:30 horas
Salón de Actos de CaixaGalicia
Viveiro

3/13/2010

MariñaPatrimonio apoia que o legado de Álvaro Gil siga no Museo Provincial de Lugo



O legado de Álvaro Gil Varela conta cun considerable número de pezas de ourivería castrexa procedentes da Mariña:
Brazalete ou torques de Riotorto.
Torques do Cu de Castro. Marzán. Foz
Fragmentos de dous torques de Viveiro.
Dúas arracadas e fragmentos de dous torques do castro do Masma. Mondoñedo
Dous Torques de ouro e un Torques de prata do Coto da Recadieira. Mondoñedo
Torques e a arracada de Burela
Con independencia de que a súa titularidade sexa pública ou privada, entendemos que o legado de Álvaro Gil Varela é un ben público que forma parte do patrimonio de todos e todas as galegas.
Este legado debe quedar subordinado á posibilidade do gozo público e debe pasar a xeracións posteriores nas mellores condicións de conservación e sen disgregacións que poidan perturbar a súa contextualización histórica.
MariñaPatrimonio entende que isto só se pode garantir permanecendo nunha institución pública, como é o caso do Museo Provincial de Lugo.