4/01/2014

Castro de Nois

Aproveitamos esta foto aérea de Humberto Palacios Pool para amosar o castro de Nois, tamén coñecido como Fontecastra ou castro Curveiro.
Este é un dos castros costeiros menos coñecidos porque non ten un gran parapeto e, aínda que aparentemente non ten sistema defensivo, conserva un impresionante sistema de foxos.
Polo Leste vense dous foxos picados na rocha (fotos 1-2-3) e polo Este hai tres foxos (fotos 4-5-6-7-8)
Tamén observamos dous foxos e un parapeto transversal ao foxo principal (fotos 1-2)
O sistema de foxos sería aproximadamente como se amosa na última imaxe.
Este castro ten un xemelgo en Foz, o castro do Carreiro.









Útil paleolítico

 Chopping-tool, aparecido na Pampillosa (Foz) tralos temporais de 2010. Hoxe depositado no Museo Arqueolóxico de Vilalba.

3/07/2014

APARECEN DÚAS ÁNCORAS DE PEDRA E LASTRES DE SÍLEX NO SITIO ARQUEOLÓXICO DOS MOUTILLÓS (O VICEDO)

MariñaPatrimonio ven de comunicarlles ao Servizo de Patrimonio da Xunta e ao alcalde do Vicedo, a aparición dun número significativo de lastres de sílex e dúas áncoras de pedra no sitio arqueolóxico dos Moutillós, na praia de San Román, O Vicedo (Lugo).
Os lastres son os pesos que precisan as embarcacións para manter a estabilidade, cando van sen carga. Os lastres dos Moutillós son de sílex, un mineral case inexistente en Galicia e moi abundante nas costas inglesas e normandas. Probablemente estes sílex chegaron aos Moutillós en barcos ingleses ou normandos.

En varios portos da Mariña, como o de San Cibrao, aparecen lastres de sílex, froito do intenso intercambio comercial entre A Mariña e Inglaterra na antigüidade.

As áncoras de pedra atopadas nos Moutillós están feitas con pedra do lugar, chamada gneis ou “ollo de sapo”. Estas áncoras destacan polo seu tamaño e peso (66 e 127 quilos), o que nos dá unha idea das dimensións dos navíos que as utilizaron .

Segundo sinalan os expertos consultados por MariñaPatrimonio, a áncora máis pequena é un modelo moi empregado durante a Idade Media. A de maior tamaño, porén, é un modelo descoñecido até agora nas costas galegas.

Os lastres e as áncoras aparecen concentrados no mesmo lugar, o que fai sospeitar que haxa unha posible relación entre ambos elementos.

Agora cumpría facer un estudo para datar estes achados e ver que tipo de relación gardan co xacemento arqueolóxico dos Moutillós.

Dende o 2011 hai un apaixonante e enriquecedor debate sobre que tipo de xacemento arqueolóxico son os Moutillós. Patrimonio sostén que non é un castro nin un asentamento tipo motte and bailey pero baseándose nos testemuños dos veciños, que aseguran que neste lugar aparecen restos arqueolóxicos, non descartan que houbese algún tipo de asentamento.

Para MariñaPatrimonio, a quen os veciños informaron sobre a presenza de ósos humanos enterrados na zona dos moutillós, así como para algúns investigadores e arqueólogos, os Moutillós gardan un gran parecido cos motte and bailey construídos polos normandos en Inglaterra e outros puntos de Europa.

Nin a hipótese sobre a existencia dunha mota normanda nos Moutillós nin a hipótese contraria poderán ser demostradas, en tanto non se realicen catas e un estudo arqueolóxico serio e rigoroso.

MariñaPatrimonio solicita á Xunta a recollida dos restos arqueolóxicos, que os temporais sacaron á luz, e que os Moutillós figuren como xacemento no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos.
Contrariamente ao que se ten informado, os Moutillós non aparece como xacemento arqueolóxico no citado Inventario e, polo tanto, este sitio carece de protección.

MariñaPatrimonio recoñece o interese amosado polo alcalde de O Vicedo en relación co xacemento dos Moutillós e cos restos recentemente aparecidos.



2/19/2014

A explotación mineira, os Canos dos Mouros, novo xacemento arqueolóxico en San Martiño (Foz)

Este ben patrimonial pode ser destruído polo trazado da futura autoestrada A-82, Barreiros- San Cibrao .
En marzo de 2013 veciños de San Martiño, a asociación cultural Pomba do Arco e MariñaPatrimonio acordaron solicitarlle ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a inclusión das minas próximas ao castro de Mondoñedo, parroquia de San Martiño de Mondoñedo (Foz), no inventario de xacementos arqueolóxicos.
O Servizo de Patrimonio vén de recoñecer o sitio arqueolóxico, incluído no inventario coa clave GA 27019023. Esta inclusión conleva a súa protección e obriga á Xunta a garantir a protección e conservación deste ben patrimonial.
Dende decembro de 2013 o Cano dos Mouros goza de protección, pero dende o 2011 está sentenciado, posto que o trazado definitivo da autovía A-82 pasa porriba deste ben patrimonial e, se non se modifica, acabará sendo destruído, como tamén o será o castro da Senra, outro ben patrimonial que tampouco detectaron os arqueólogos que revisaron este trazado.
Unha vez máis vemos como os estudos de impacto medioambiental non están ben feitos e os trazados definitivos apróbanse, sen que se teña en conta o noso rico patrimonio.
A explotación mineira do Cano dos Mouros está composta por un gran foxo dunha mina a ceo aberto e dúas galerías. Unha destas galerías parece medieval, mentres que a outra probablemente sexa romana, tanto pola súa boa factura como pola semellanza coas galerías romanas do castro do Carreiro.
O trazado da autovía que pasa por San Martiño de Mondoñedo (Foz), foi amplamente rexeitada por veciños, asociacións e grupos políticos, debido ao enorme impacto visual que provocaría no contorno da Basílica de San Martiño. Un motivo máis para rexeitar agora este trazado é evitar a destrución do protexido xacemento arqueolóxico do Cano dos Mouros.
Dende a Pomba do Arco e MariñaPatrimonio agardamos que se modifique este trazado e que se escolla outro alternativo que non afecte ao noso patrimonio.

2/11/2014

As cicloxéneses afectan o sitio arqueolóxico de Estabañón (Viveiro)


A escasa protección das catas realizadas en 2007 favoreceu o efecto destrutivo dos temporais.

Mariñapatrimonio vén de informar ao Servizo de Patrimonio de Lugo que por mor dos temporais viuse afectado o sitio arqueolóxico de Estabañón, na praia de Area (Viveiro), o que provocou a destrución dunha parte do xacemento, especialmente os píos de salazón, onde Costas realizara unhas catas arqueolóxicas no 2007; catas que quedaron insuficientemente protexidas cunha capa de xeotextil e unhas pas de area.

Antes das cicloxéneses
Catas insuficientemente protexidas cunha capa de xeotextil e unhas pas de area. 


 Despois das cicloxéneses
No lugar apareceron novos muros e cimentación de edificacións, destacando un muro de gran anchura, situado ao sur do lugar das catas. No lugar tamén se aprecian un bo número de restos arqueolóxicos, entre eles un posible morteiro de pedra , e centos de fragmentos cerámicos: tixolos, tégulas, cerámica común romana e ánforas.

Novos muros
Mariñapatrimonio solicítalle á Xunta a recollida dos restos arqueolóxicos, para evitar o seu espolio e/ou a desaparición por causas meteorolóxicas; a documentación dos novos muros e das cimentacións aparecidas, así como o requirimento a Costas para que protexa de forma adecuada o xacemento e evite a súa destrución.

Ligazón para as fotos.

2/09/2014

Presentación do libro “Alicornio. O Poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega” de Rafael Quintía Pereira.

O vindeiro sábado día 15 de febreiro ás 19:00h no CENIMA de Foz, terá lugar a presentación do novo libro do antropólogo Rafael Quintía Pereira, “Alicornio. O Poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega”.
Nesta presentación, o autor falaranos dun dos animais míticos máis universais: O unicornio. Ó seu corno –o alicornio- atribúenselle dende a máis remota antigüidade propiedades sandadoras contra tódolos velenos e moitos máis prodixios.
En Galiza, a crenza nos poderes curativos do alicornio callou fondo converténdose a máxica hasta no amuleto por excelencia para curar o mal de pezoña e outras doenzas da pel.
Neste traballo etnográfico Rafael Quintía Pereira fai un extenso percorrido polo mundo do alicornio e as súas virtudes e ofrécenos unha viaxe na procura dalgúns dos poderosos alicornios que aínda están activos na nosa terra.
Rafael Quintía Pereira. Nado en Vigo no ano 1971 é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural, así como licenciado en Ciencias Empresariais, escritor e músico tradicional.



1/22/2014

O Santo Estevo do Ermo - Augas Santas, novo xacemento arqueolóxico no concello de Barreiros (Lugo).

 A colaboración entre a Irmandade Santo Estevo e MariñaPatrimonio para a protección deste ben patrimonial dá os seus primeiros froitos ao recoñecer a Xunta o lugar como xacemento arqueolóxico.

O pasado mes de setembro MariñaPatrimonio solicitou á Xunta a inclusión no Inventario de xacementos arqueolóxicos a antiga capela de Santo Estevo, o antigo cemiterio e as antigas construcións e abrigos naturais nos que habitaban as ermitás do Santo Estevo. Trala inspeción de campo e a localización destes vestixios arqueolóxicos, os técnicos de Patrimonio incluíron este sitio arqueolóxico no Inventario coa clave GA 27005014.
Santo Estevo do Ermo ou de Augas Santas é un oasis no inmenso eucaliptal da Mariña. Esta pequena fraga, asfixiada polos eucaliptos, conserva no seu interior un rico patimonio natural, paisaxístico, cultural, relixioso e arqueolóxico. Facendo un percorrido por esta xoia natural e cultural atopamos unha vizosa vexetación autóctona, que agocha a actual capela, construída no 1765 e en cuxa contorna se ven celebrando dende tempos inmemoriables a romaría do Santo Estevo. Preto da capela podemos contemplar a fermosa fervenza, coñecida como o revertedoiro. Outros lugares de gran interese son a Fonte de Santa Rosa, arredor da cal centos de panos penduran das pólas das abeleiras e as súas augas curan as doenzas da pel; a Fonte de Augas Santas con augas ferruxinosas, boas para combater a anemia, e a Pena da Ferradura na que o cabalo de Santiago deixou a súa pegada.
Menos coñecida, aínda que viva na memoria colectiva dos veciños da contorna, é a existencia das ruínas da antiga capela, do antigo cemiterio e dos lugares habitados polas ermitás.
A Irmandade de Santo Estevo publicou en maio do ano pasado o interesante libro O santo Estevo do Ermo e a súa fraga no que recollen probas documentais da existencia destes bens patrimoniais.

Co recoñecemento da Xunta deste sitio arqueolóxico e a súa inclusión no Inventario, este ben patrimonial goza da protección que debería evitar a destrución e a desaparición deste interesantísimo lugar arqueolóxico. Desgrazadamente, igual que ocorre na maioría dos restos arqueolóxicos da Mariña, este de Santo Estevo non se libra da súa plantación de eucalipto. A industria forestal, irresponsable e destrutora do patrimonio, non respecta nin os antigos cemiterios.
Dende a Irmandade de Santo Estevo e a asociación MariñaPatrimonio consideramos que sería bo que a Xunta, o Concello, a industria forestal do eucalipto, as asociacións e os veciños unisen vontades e esforzos para protexer dun xeito integral o Santo Estevo do Ermo. O primeiro paso sería retirar os eucaliptos dos restos arqueolóxicos da antiga capela e do cemiterio.
Unha vez máis cómpre lembrar que protexer o noso patrimonio é responsabilidade de todos e supón un ben rendible para toda a sociedade.



12/23/2013

VISITA AOS PETROGLIFOS DAS ANZAS E CONFERENCIA DE ANTONIO REIGOSA

As asociacións Francisco Lanza, Alesancia e Mariña Patrimonio promoveron na tarde do pasado sábado 21 unha visita ao lugar das Anzas, onde se atopa un peculiar xacemento arqueolóxico coñecido dende hai moito tempo como “as pisadas do encanto”, hai pouco inscritas no rexistro administrativo da D. X. de Patrimonio como petróglifos podomorfos. A visita foi guiada por Manuel Miranda, co apoio de Vicente Méndez e Elia Rodríguez, parella entrañable que se adica, na súa finca “As Fadegas”, á producción de horta ecolóxica nese lugar fantástico das Anzas.

O xacemento está ubicado na beira do río Alesancia -oficialmente río Grande- que coincide cunha liña de falla moi visible na parede de pizarra da súa beira esquerda. Nunha repisa natural deste escarpe, pola que pasou tradicionalmente o camiño entre As Anzas e Salcedo, é onde se atopan estas gravuras. A interpretación que tradicionalmente se lle deu a este lugar máxico foi que nel reside un encanto en forma de rapaza loira que ten unha galiña con pitiños de ouro; aquel que pase por este camiño nos días próximos ao San Xoan, pode sufrir o encantamento que o fai desaparecer engulido pola pedra. O certo é que a vecindade tivo sempre bo coidado de evitar pasar polo lugar nos días sinalados polo solsticio de verán, ...por se acaso


As gravuras reproducen, dende o lado norte, pegadas de pes humáns, e dende o sur, pegadas de oso, que parecen encararse no centro da rocha. Desde a arqueoloxía, como todos os petróglifos, resulta arriscado dar explicacións sobre o seu significado, sen dúbida simbolico. Como se explica na web Terrae Antiquae, hai implicacións astronómicas relacionadas co solsticio de verán, e a combinación de pegadas humanas e de oso poderían ter relación coa conversión de home en oso, símbolo da asunción do poder.

Próximo a este lugar, Vicente e Elia ensináronnos outros puntos de interese, un castro situado na márxe dereita do río. Vicente lembra ter entrado co seu tío, hai moitos anos, nunha cova de muros e cuberta de pedra. Aínda é facil ver altos muros parcialmente derruidos pola maquinaria que trazou a pista de acceso a este imponente castro. Tamén nos ensinou unha desas rochas de seixo branco próximas aos xacementos castrexos que algúns arqueólogos interpretan como lugares ceremoniais.

De volta en Ribadeo, a Casa das Letras cedeu xenerosamente o seu coidado espazo multiusos para que Antonio Reigosa, o noso referente cando tratamos do patrimonio inmaterial, nos deleitara repasando algúns dos mitos, lendas e lugares máxicos da Mariña. Como se pode apreciar na súa enciclopedia da fantasía popular, Galicia Encantada, este home é capaz de facernos voar ao mundo dos seres máxicos que a nosa cultura popular ten producido, reproducido e transmitido desde hai miles de anos. Unha herdanza que hoxe nos costa comprender pero que permanece na memoria colectiva, misteriosamente agochados na infinidade de lugares máxicos: nos montes, nas rochas, nos vales, nas fontes, na beiramar,... Antonio deixounos a mensaxe de que temos un inmenso patrimonio mitolóxico, de gran fiabilidade na identificación de xacementos arqueolóxicos que nos aportan información sobre o noso pasado remoto, tan descoñecido como apaixoante.
http://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157638940579716/

12/20/2013

Simboloxía e significado dos relatos míticos e lendarios asociados ao patrimonio cultural da Mariña lucense

Sábado 21 de decembro ás 20h00 na Casa das Letras de Ribadeo, o escritor, investigador e divulgador da mitoloxía popular Antonio Reigosa impartirá a conferencia “Simboloxía e significado dos relatos míticos e lendarios asociados ao patrimonio cultural da Mariña lucense”. Esa mesma tarde, ás 16h30 realizarase unha visita guiada ao petroglifo podomorfo das Pisadas do Encanto nas Anzas – Ribadeo.

12/16/2013

XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS DA MARIÑA. XOIAS DO PATRIMONIO


De forma conxunta, catro asociacións luguesas Cultura do País, ADEGA, Buril e Mariña Patrimonio-, todas elas comprometidas na divulgación e defensa do patrimonio natural, histórico e cultural do país, organizaron un roteiro arqueolóxico con dobre intención: por unha banda dar a coñecer algúns dos sitios arqueolóxicos da Mariña, neste caso relacionados co ouro, e por outra, reivindicar o retorno da colección Álvaro Gil ao Museo Provincial de Lugo, despois de que esta institución pública perdese por sentenza xudicial a súa custodia. Unha sentenza que priva á cidadanía dun patrimonio histórico que nunca debeu caer en mans privadas posto que nos pertence a todos.

Como se está a demostrar cos recentes descubrimentos, A Mariña constituiu na antigüidade un importante centro de produción aurífera, de aí a importancia dos achádegos, especialmente de torques, con que conta esta comarca.

A xornada comezou de mañá coa visita a impresionante mina romana de ouro da Espiñeira, que se estende entre os concellos de Foz e Barreiros, nunha superficie aproximada de 150 hectáreas. Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio guiou a visita do grupo, composto dunhas 60 persoas, procedentes da capital lucense e da propia comarca mariñana. A mina da Espiñeira foi unha explotación aurífera de carácter industrial a gran escala, utilizando auga a presión para producir arrastres de terreos aluviais próximos á ría formada polo Masma.

O roteiro continuou en Foz, visitando o castro costeiro do Carreiro que ocupa unha boa extensión do litoral entre as praias de A Rapadoira e Llas. Este castro, que forma parte dun conxunto de tres castros na parroquia de Marzán, ten tamén vestixios de minería romana do ouro, nas súas galerías subterráneas que servían para a exploración de vetas minerais e que saen ao exterior no propio cantil costeiro, perfectamente visible desde o paseo marítimo que atravesa o castro. Deste complexo castrexo procede o torques de Marzán, que custodia o Museo Provincial.

De camiño a Burela, houbo parada no castro de Fazouro, non tanto pola súa relación co ouro, senón por ser este o único escavado e visitable. Xa en Burela, o grupo aproveitou para realizar unha visita aos restos do hipocausto, un sistema de calefacción posiblemente dunha casa romana, que fora descuberto con motivo das obras da nova estrada de acceso ao porto. Procedeuse a limpar o lugar de lixo, materiais plásticos, palets e ata un colchón, que evidencian o vergoñante estado de abandono e deterioro no que se atopa este xacemento, que supostamente debería estar protexido polas administracións responsables, tanto autonómica como municipal.

A xornada rematou pola tarde coa visita ao castro do Cabo e ás coñecidas como “Tetas da Viculeira”, que algúns arqueólogos consideran torres monumentais que sinalan a entrada á fortificación castrexa. Neste lugar, un neto da persoa que atopou a peza máis importante da ourivería mariñana e que forma parte da colección Álvaro Gil, o nomeado torques de Burela, explicou onde foi atopado e outros detalles do achádego. Segundo o seu relato, o torques permaneceu na casa da familia que o atopou un só día, xa que a garda civil o veu reclamar de inmediato. Chama a atención que o seu descubridor recibise unha irrisoria compensación económica para acabar, por avatares fáciles de imaxinar pero difíciles de xustificar, formando parte dunha colección privada á que a legalidade vixente lle outorga unha exclusividade inexplicable que priva á sociedade do seu lexítimo disfrute e aproveitamento cultural.
http://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157638705951365/