O
Abrigo de Pena Grande (Santaballa, Vilalba - Lugo), un dos xacementos
paleolíticos máis importantes de Galicia, está sendo utilizado como zona
de escalada. Esta actividade, e especialmente as que se realizan na
base da pena, poden provocar alteracións no xacemento e nos perfís
arqueolóxicos. Así mesmo, o magnesio utilizado nas escaladas podería
estar alterando a composicion quimica do nivel arqueolóxico. Ademais, a
roza da vexetación na zona arqueolóxica posiblemente non conte coas
preceptivas autorizacións.
Mariña Patrimonio vén de poñer en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural estes feitos.
Foto: Turismo Vilalba
8/18/2020
E logo ti de onde vés sendo? Galicia Nomeada: toponimia colaborativa
Continuamos co ciclo de conferencias online, que iniciamos o pasado mes
de maio, organizando con Álvaro Crego unha charla sobre a nosa
toponimia.
“E logo ti de onde vés sendo? Galicia Nomeada: toponimia colaborativa” é o suxestivo título da charla que se poderá seguir na nosa canle de Facebook o vindeiro xoves 20 de agosto a partir das 19.30h.
Álvaro Crego, colaborador do proxecto Galicia Nomeada, unha iniciativa da Real Academia Galega para documentar a enorme riqueza toponímica de Galicia, adianta que o seu relatorio centrarase na importancia de preservar un patrimonio cultural único no mundo: a riqueza toponímica da nosa terra e dos nosos mares. Tamén se falará sobre os factores que motivaron esta enorme riqueza e explicarase a mecánica para a recollida dos topónimos a través da aplicación da RAG, Galicia Nomeada.
“E logo ti de onde vés sendo? Galicia Nomeada: toponimia colaborativa” é o suxestivo título da charla que se poderá seguir na nosa canle de Facebook o vindeiro xoves 20 de agosto a partir das 19.30h.
Álvaro Crego, colaborador do proxecto Galicia Nomeada, unha iniciativa da Real Academia Galega para documentar a enorme riqueza toponímica de Galicia, adianta que o seu relatorio centrarase na importancia de preservar un patrimonio cultural único no mundo: a riqueza toponímica da nosa terra e dos nosos mares. Tamén se falará sobre os factores que motivaron esta enorme riqueza e explicarase a mecánica para a recollida dos topónimos a través da aplicación da RAG, Galicia Nomeada.
7/28/2020
O patrimonio cultural da Galiza, estado da cuestión
Mariña
Patrimonio organiza na súa canle de Facebook unha charla para o
vindeiro venres, 31 de xullo. A charla, “O patrimonio cultural da
Galiza, estado da cuestión”, correrá a cargo do recoñecido
arqueólogo Felipe-Senén López e dará comezo ás 19:30. Sobre o
contido da mesma, o seu autor adiántanos o que segue:
“A CULTURA é o
que o ser humano cultiva pra resolver situacións, acudindo a
tradicións, innovacións, ciencia e tamén a relacións con outros.
Hoxe da cultura cousifícase en postureos, supermercadeos e novas
liturxias.
Somos o que facemos
ou desfacemos e compre unha revisión da interpretación dese legado
dende a óptica humanista e baixo un principio base “nunca
á explotación dun ser humano por outro ser humano”.
Aprender do legado histórico como recurso identitario e atractivo
turístico, aporte particular á universalidade.
Pasearemos pola
interacción que supón a cultura, a simbiose das artes. Patrimonio
ideolóxico ou inmaterial, inmoble e moble, o estado actual en
relación con países que consideramos modélicos. Por exemplo o
“celtismo”
irlandés ou escocés, o “charmais”
da Provenza...A potenciación dos centros
de recepción de visitantes.
Continentes arquitetónicos que implican canto pode necesitar o
visitante antes de internarse no patrimonio: servicios, gastronomía,
información, marchandaise, interpretación do monumento e museo,
entrada e saída...en relación con isto véxase o estado da cuestión
noo Tegra, Fisterra, na Torre de Hércules, Teixido, as
catedrais...a improvisación, o chiringuitismo...ama de cría de
problemas minifundistas e da aculturación, namentres as tradicións
se botellonizan, véxase os caneiros, o Naseiro, o Berro Seco, a
subida ao Tegra...”
6/01/2020
DEZ CASOS QUE EXIMPLIFICAN O DESLEIXO DA XUNTA CO PATRIMONIO CULTURAL NO NORTE DA PROVINCIA DE LUGO
ADEGA
e Mariña Patrimonio lamentan que a Dirección Xeral de Patrimonio
Cultural siga sen retirar do visor
de aproveitamentos forestais
da Xunta os datos errados da xeolocalización do patrimonio cultural,
facéndoa pasar como información oficial e fiable.
A
Mariña, 2 de xuño de 2020.- O
pasado 15 de maio, ADEGA e Mariña Patrimonio alertaban ás
Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura que a
actualización da información xeográfica do patrimonio cultural
vertida no visor de aproveitamentos forestais da Xunta de Galiza,
adoecía dun número considerable de erros de xeolocalización de
xacementos arqueolóxicos.
Vinte días despois da denuncia, a Consellaría de Cultura segue sen
contestar e sen explicar de que forma vai proceder para reparar os
erros detectados, e se vai facer unha revisión profunda e completa
da actualización dos datos de xeolocalización do patrimonio
cultural de Galiza no visor de aproveitamentos forestais, tal e como
lle foi requirido por ADEGA e Mariña Patrimonio. Este organismo é o
único que fica por contestar á reclama de ADEGA e Mariña
Patrimonio, xa que ambos colectivos xa recibiron notificación da
Consellaría de Medio Rural e da Consellaría de Medio Ambiente, a
través do Instituto de Estudos do Territorio, na que non desmenten a
existencia de erros e descargan toda responsabilidade na Consellaría
de Cultura, nomeadamente, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Porén, malia que a
Xunta é plenamente consciente dos graves erros, tanto na
delimitación coma na xeolocalización de numerosos xacementos
arqueolóxicos, continúa recomendando o emprego do visor telemático,
como ferramenta para avaliar se cómpre ou non solicitar autorización
á hora de realizar traballos forestais en zonas potencialmente
protexidas. A última ocasión tivo lugar coa publicación do decreto
73/2020, do 24 de abril, da Consellaría de Medio Rural, co cal a
Xunta pretende axilizar e simplificar a execución de máis de
100.000 aproveitamentos forestais ao ano en montes de xestión
privada, e que entrará en vigor o vindeiro 9 de xuño.
ADEGA e Mariña
Patrimonio urxen de novo á Consellaría de Cultura a corrixir canto
antes os erros do visor e a retiralo cautelarmente, ou cando menos,
que se advirta claramente aos usuarios que, debido ás eivas
detectadas, esa ferramenta non é fiable nin recomendable como
información validada. Esta información que se fai pasar como
oficial, ademais de poñer en risco xacementos arqueolóxicos
catalogados e protexidos, pode provocar que os propietarios forestais
se enfronten a elevadas sancións por danos contra o patrimonio
cultural.
10 casos destacados
no Norte da provincia de Lugo
Tras unha nova revisión
dos datos xeográficos contidos no visor de aproveitamentos
forestais, ADEGA e Mariña Patrimonio realizaron unha escolma de 10
erros de xeolocalización do patrimonio cultural na zona Norte da
provincia de Lugo, entre os múltiples detectados no visor, para
mostrar a pouca fiabilidade dos datos que recolle esta publicación
oficial da Xunta de Galicia:
Asemade, ADEGA e Mariña Patrimonio fan un chamamento ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galiza para que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable do patrimonio protexido.
1. Castro de Quenllas do
Forno (Guitiriz): o visor só marca como zona protexida 1/3 do
xacemento.
2. Castro O Curveiro-Nois
(Foz): A maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación
deste castro costeiro.
3. Castro de Meirengos
(Ribadeo): Das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala
como superficie protexida 0,5 Ha.
4. Castro da Vela (Xove):
A Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no
visor de aproveitamentos forestais.
5. Castro
Castelo (Xove): Neste caso, o erro consiste en darlle máis
superficie ao castro da que ten. De
1Ha pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de
8,5 Ha.
6. Mina
romana de ouro da Espiñeira (Foz): A extensión que ocupa esta
antiga mina romana de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor
de aproveitamentos forestais.
7. Castro
da Forca (Viveiro): Mentres que a superifice real do xacemento é de
0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta
superficie a 4 Ha.
8. Mámoa de Tras As
Airas (Fonsagrada): A Xunta localiza esta mámoa nunha ladeira de
forte pendente, a 1 quilómetro de distancia de onde realmente está
situada. Ademais nesta zona, fican 2 mámoas por catalogar e, por
tanto, quedan desprotexidas.
9. Arquela da Pruída
(Fonsagrada): A Xunta despraza esta mámoa 123 m da súa
localización real.
10. Antiga capela e
cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): A Xunta sitúa esta
antiga igrexa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta
xeolocalización.
Asemade, ADEGA e Mariña Patrimonio fan un chamamento ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galiza para que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable do patrimonio protexido.
5/21/2020
OS MISTERIOSOS ESPELLOS DA TRADICIÓN. Conexións entre Historia e imaxinario na tradición oral galega.
O
vindeiro día 28 presentaremos na canle de
Facebook de Mariña Patrimonio un relatorio de Manuel Gago.
Esperámosvos!
5/19/2020
A XUNTA PON EN PERIGO NUMEROSOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS AO PUBLICAR INFORMACIÓN ERRADA SOBRE A SÚA DELIMITACIÓN XEOGRÁFICA
No
pasado mes de abril, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e
Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, en
colaboración coa Consellaría de Medio Rural e a Consellaría de
Cultura e Turismo, actualizaba o visor de aproveitamentos forestais
da Xunta. Un dos principais obxectivos desta tarefa, que implicou un
investimento de 1.100.000 euros, era o de actualizar a información
xeográfica relativa ao Patrimonio Cultural de Galiza, é dicir,
revisar e mellorar a xeolocalización e delimitación dos BIC e
doutros elementos do inventario do patrimonio cultural, como castros,
mámoas ou petróglifos, para poñela a disposición de calquera
usuario a través do visor xeográfico da Xunta na rede. A
información contida neste visor ten carácter oficial, polo que unha
correcta actualización da mesma facilitaría aos propietarios
forestais a consulta sobre a existencia de elementos patrimoniais
naqueles predios nos que se dispoña a realizar algún labor
forestal, así como os trámites de autorización.
Sen
embargo, malia que as intencións eran boas, ADEGA e Mariña
Patrimonio detectaron que os límites marcados dun considerable
número de xacementos arqueolóxicos non se corresponden cos seus
límites xeográficos reais, poñendo en risco esas zonas
arqueolóxicas que deberan estar protexidas. Os erros detectados,
malia non ser xeneralizados, afectan a unha considerable parte do
territorio galego e resulta especialmente rechamante que os límites
de xacementos situados en concellos onde está aprobado o Plan Xeral
de Ordenación Municipal non coincidan coa delimitación contemplada
no catálogo de xacementos delimitados dos PXOM. Un exemplo
ilustrativo deste feito é o caso do concello de Ribadeo onde, dos
oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no
visor. Outro caso significativo é o do Castro do Coto da Vela do
concello de Xove que, segundo o visor xeográfico da Xunta, conta
cunha superficie de 0,45 hectáreas, cando en realidade ocupa unha
extensión de 6 hectáreas, deixando 5,55 hectáreas do castro sen
protección.
Por
tanto, ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de solicitar á Consellaría
de Medio Ambiente que retire de toda circulación pública, tamén do
visor de aproveitamentos forestais da Xunta, a información
xeográfica presuntamente “actualizada” do Patrimonio Cultural de
Galiza, mentres a Consellaría de Cultura non faga unha profunda e
completa revisión desa información e non repare os erros de
delimitación e xeolocalización atopados. Así mesmo, requirimos
tamén á Consellaría de Medio Rural que non outorgue autorizacións
para cortas ou plantacións forestais naqueles predios nos que non
estea garantida a protección e a correcta delimitación de
xacementos e doutros elementos patrimoniais. Doutro xeito, tanto a
Consellaría de Medio Rural como a de Cultura poderían estar
favorecendo a destrución de xacementos arqueolóxicos catalogados e
protexidos e que os propietarios forestais se enfronten a elevadas
sancións. Podería darse o paradoxo de que os propietarios de monte
que consulten o visor de aproveitamentos forestais da Xunta para
determinar a presenza dalgún xacemento arqueolóxico nas súas
fincas acaben sendo sancionados por infraccións en materia de
protección patrimonial ao afectar algún xacemento mal delimitado
pola Xunta. Mentres non se realice a revisión da actualización dos
datos dos límites xeográficos dos elementos patrimoniais do país,
deberían prevalecer os que figuran nos Plans Xerais de Ordenación
municipal ou no Plan Básico Autonómico.
3/05/2020
VISITA DE MARIÑA PATRIMONIO Á EXPOSICIÓN “GALICIA, UN RELATO NO MUNDO”.
O
motivo fundamental da excursión realizada o pasado sábado 29 era
visitar a exposición Galicia,
un relato no mundo,
que permanece aberta desde o pasado mes de novembro no Museo Centro
Gaiás, da Cidade da Cultura de Compostela.
Sentímonos
privilexiados e profundamente agradecidos a Manuel Gago, Comisario da
exposición, que tivo a deferencia de guiarnos -malia as moitas
dificultades de axenda das que somos sabedores- e amosarnos un punto
de vista tan persoal ao percorrido. Unha exposición das grandes, das
que deixan pegada, tanto pola súa dimensión como, sobre todo, polo
seu novidoso enfoque, que permite achegarnos á nosa realidade
histórica con outras perspectivas ata agora moi pouco observadas,
ademais de polo seu formato innovador e atractivo. Sen dúbida, esta
visión da nosa identidade como pobo abre un camiño que merece ser
explorado porque enriquece e refresca a visión que tivemos ata agora
da nosa historia e porque contribúe a insuflar de orgullo a nosa
feble autoestima colectiva.
É
unha exposición extensa, que cómpre visitar sen présa e, se é
posible, facelo en varias veces . Se non o é, adicarlle o día
enteiro fai falla e paga a pena. No noso caso, completamos unha
primeira visita e, quen máis quen menos, manifestou a súa clara
determinación de volver achegarse á capital de Galicia para
completala antes do peche das súas portas, o próximo 12 de abril.
A
nosa excursión, tiña unha segunda parte, na que tamén Gago nos
acompañou e guiou pola periferia compostelá. Despois dun agradable
xantar de grupo no tamén periférico mesón O
Almacén,
moi recomendable para comer carne e comprar interesantes produtos
gourmet, visitamos o petróglifo
do Castriño de Conxo,
que
permanece vixiante na marxe dereita do val do Sar, unha das xoias da
arte rupestre galega, con representación de armas e outros motivos
singulares, aínda que de difícil interpretación.
Por
último, e antes de emprender a viaxe de volta, na outra ribeira do
val, puidemos achegarnos aos restos do Castelo
de Rocha Forte,
ou como o cualificou Gago, o “Sant’Angelo”
do
Arcebispado de Santiago, pola súa función como refuxio defensivo da
curia compostelá en época medieval, en tempos nos que afloraban os
conflitos entre o arcebispo e a burguesía compostelá. Asi mesmo,
serviu como punto de control fiscal da entrada principal a Compostela
desde a costa atlántica. Foi destruído no ano 1467 tras un ataque
masivo do exército irmandiño, como pode apreciarse nos numerosos
proxectís de pedra que conserva no seu recinto.
2/18/2020
Santo Estevo do Ermo: unha xeografía mítica e sagrada
O
pasado 14 de febreiro, no Salón de Actos do Centro Social San Cosme
de Barreiros, o antropólogo Rafa Quintía pronunciou perante un
nutrido grupo de persoas unha interesante e moi amena conferencia
sobre Santo Estevo do Ermo. Un lugar único, que paga a pena coñecer.
A
conferencia “Santo Estevo do Ermo: unha xeografía mítica e
sagrada”, organizada pola Asociación Cultural Irmandade Santo
Estevo e Mariña Patrimonio, contou coa colaboración do Concello de
Barreiros e maila Área de Cultura da Deputación de Lugo.
2/16/2020
VISITA DE MARIÑA PATRIMONIO Á EXPOSICIÓN “GALICIA, UN RELATO NO MUNDO”.
Mariña
Patrimonio organiza unha viaxe cultural a Santiago de Compostela para
o próximo 29 de febreiro (sábado). A xornada comezará pola mañá
cunha visita, na Cidade da Cultura, á exposición
Galicia, un relato no mundo. Esta
visita será guiada polo comisario de dita exposición, Manuel Gago,
quen tamén fará de guía nas visitas que terán lugar pola tarde
ao castelo da Rocha Forte e mais ao petróglifo de Conxo.
HORARIO: MAÑÁ: 9h - 14h
TARDE:
16h – 19h
PREZO: SOCIOS: BUS: 15€; XANTAR:
15€. Total: 30€
NON
SOCIOS: 10€; BUS: 15€; XANTAR: 15€. Total: 40€
As
persoas interesadas en participar nesta actividade teñen de prazo
para anotarse até o día 20 de febreiro. Deberán facelo no correo
electrónico mr.patrimonio@gmail.com,
no que indicarán nome, se é socia/o ou non, teléfono de contacto e
lugar de residencia. As prazas son limitadas.
O luns
24 de febreiro comunicarémoslles ás persoas anotadas os horarios do
bus e mailo número de conta para efectuar o ingreso correspondente.
2/13/2020
Santo Estevo do Ermo. Unha xeografía mítica e sagrada
A Asociación Cultural Irmandade Santo Estevo de Barreiros e Mariña
Patrimonio, en colaboración co Concello de Barreiros e a Área de Cultura
da Deputación de Lugo, organizamos para o próximo 14 de febreiro a
conferencia “Santo Estevo do Ermo. Unha xeografía mítica e sagrada”. A
conferencia, que será impartida polo antropólogo Rafa Quintía, terá
lugar ás 20.00h no Centro Social San Cosme de Barreiros.
Subscrever:
Mensagens (Atom)




















