3/21/2013

MARIÑAPATRIMONIO DESCOBRE UNHA IMPORTANTE EXPLOTACIÓN AURÍFERA ROMANA NA MARIÑA LUGUESA.


 
O arqueólogo Santiago Ferrer confirma que neste gran complexo mineiro tense extraído ouro na época romana.

Mariñapatrimonio vén de descubrir nos lugares de As Covas (Barreiros) e A Espiñeira (Foz), a existencia de restos do que noutrora foi un gran complexo mineiro.
A morfoloxía do lugar e o tipo de solo, terrazas aluviais, indicaban que podía tratarse dun xacemento mineiro romano e destinado á extracción de ouro.
 Mariñapatrimonio contactou co arqueólogo de recoñecido prestixio e especialista en minería antiga, Santiago Ferrer Sierra, quen confirmou in situ que sen ningunha dúbida estamos ante un importante complexo mineiro de época romana e que tanto na Espiñeira coma nas Covas extraeuse ouro hai dous mil anos.
Destacou a trascendencia do achado e sinalou que se trata da primeira explotación mineira romana da que se ten noticia na Mariña, onde arqueólogos e historiadores pensaban que non existían este tipo de explotacións.
 Ferrer fixo tamén fincapé na magnitude do xacemento arqueolóxico e no bo estado en que chegou a nós; asimesmo destacou a importancia de conservalo e protexelo.
Na visita ao xacemento de A Espiñeira,xunto co arqueólogo e membros de Mariñapatrimonio, tamén estivo o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira,con quen se conversou sobre as grandes posibilidades que ofrece o lugar para ser visitado, o que atraería un turismo cultural que complementaría a oferta turística da Mariña.
Este novo xacemento contribúe a reforzar a idea do rexidor de Foz de recuperar o veciño castro de As Engrobias.
Mariñapatrimonio comunicou este novo achado ao Servizo de Patrimonio da Xunta e solicitou a súa inclusión no Inventario Xeral de Patrimonio.

2/11/2013

FOTOS AÉREAS DO CASTRO DAS ENGROBIAS

Agradecémoslle ao  amigo Humberto Palacios Pool as extraordinarias fotografías do castro Das Engrobias (Foz) que nos enviou e que queremos compartir con vós. 
  Esta ortofoto lidar pode servir de guía para observar o complexo sistema defensivo deste xacemento, oculto en parte nas fotos aéreas polos eucaliptos.
 
Nesta foto vemos unha persoa andando por un dos tres foxos que ten o castro neste sector. Fixádevos na anchura do foxo, que na foto aérea pode despistar e non apreciarse a monumentalidade do sistema defensivo.

2/08/2013

O PETROGLIFO DA “CASA DO CURA”, NOVO XACEMENTO INVENTARIADO NA MARIÑA.


O petroglifo de Monte, o primeiro inventariado no concello de  Xove, atópase nunha rocha da finca denominada “Casa do Cura”, en Penas Agudas (parroquia de Monte).
Este petroglifo foi incluído polo Servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura no Inventario de xacementos arqueolóxicos coa denominación “petroglifo do Monte” coa clave GA27025030.

Os petroglifos son gravuras feitas nas rochas.Trátase da manifestación artística máis xenuína da prehistoria de Galicia. A maioría destes xacementos datan da Idade do Bronce e, aínda que se atopan en todo o territorio galego, abundan especialmente nas Rías Baixas.




A rocha da “Casa do Cura” ten gravados 18 buratiños semiesféricos, coñecidos como coviñas ou cazoletas, e varias liñas serpentiformes. Este é o primeiro petroglifo descuberto en Xove que ven a sumarse aos xa dados a coñecer por Mariñapatrimonio: O do castro da Atalaia (San Cibrao); o do castro do Coído, os do castro de Rueta e o reticulado de Langoira (Cervo); os do castro de Burela e os podomorfos nas Anzas (Ribadeo)

O petroglifo de Monte, ao incluíreno no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia, goza da máxima protección por tratarse dun Ben de Interese Cultural (BIC)
Este achádego, que confirma a riqueza arqueolóxica da nosa comarca, aporta novos datos para o estudo desta interesante manifestación cultural da prehistoria na Mariña.

1/23/2013

O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DA MARIÑA, EN RISCO POLA INDUSTRIA DO EUCALIPTO E A DESCOORDINACIÓN DA XUNTA

 
ADEGA e Mariñapatrimonio presentan seis novas denuncias por danos en xacementos protexidos da Mariña.
Lugo, a 23 de xaneiro de 2013.- Dende o ano 2008 Mariñapatrimonio e ADEGA veñen denunciando todas as agresións e destrucións ao patrimonio cultural das que van tendo noticia. Até o día de hoxe levan presentado máis dunha ducia de denuncias, nove delas debidas a danos ocasionados polas cortas e posteriores repoboacións do monte de eucalipto en xacementos arqueolóxicos; catro destes xacementos inventariados e, polo tanto, protexidos pola lei.
Na Mariña, como no resto do territorio galego, a meirande parte do patrimonio arqueolóxico que se destrúe débese á industria do eucalipto. Un exemplo ben ilustrativo da magnitude que acada esta destrución témolo no concello de Xove. O concello de Xove é o único da Mariña cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente, no que se poden consultar as fichas co patrimonio arqueolóxico do concello. Evidentemente non recolle todos os xacementos arqueolóxicos existentes, os cales se irán incorporando a medida que se descubran.
No catálogo do PXOM de Xove atópanse 32 xacementos catalogados, dos cales 21 están plantados de eucalipto. Destes 21 xacementos, 4 xa non existen “posiblemente como consecuencia dos labores forestais”, tal e como recoñecen os técnicos que elaboraron o PXOM. O dramático desta situación é que no prazo duns vinte anos, que é o prazo da corta dos eucaliptos, terán desaparecido os 17 restantes.
A Lei de Patrimonio recolle que estes xacementos están protexidos e, por tanto, penada a súa destrución. A Xunta de Galicia é a encargada de protexer os xacementos e de sancionar as persoas que os destrúen. A maioría dos propietarios das parcelas onde se atopan xacementos arqueolóxicos descoñecen a súa existencia; no entanto, a Xunta, que coñece cando menos os xacementos incluídos no seu inventario, non informa aos propietarios para evitar que realicen actividades prohibidas en xacementos protexidos. A Xunta tampouco permite a consulta do inventario, malia a que o inventario é público, segundo recolle a lei.
A mesma Xunta que prohibe o movemento de terras e calquera acción que poida danar un xacemento arqueolóxico protexido e inventariado é a que autoriza as cortas do monte de eucalipto e obriga aos propietarios á posterior repoboación nestes xacementos, labores que na actualidade se realizan con maquinaria pesada ocasionando graves danos no patrimonio.
A Xunta , que autoriza e prohibe asemade as cortas nos xacementos arqueolóxicos, debería autodenunciarse e automultarse de maneira exemplarizante por ser a responsable de centos de destrucións do patrimonio. Poida que deste xeito a Consellaría de Cultura informase á de Medio Rural onde hai xacementos e Medio Rural, pola súa banda, informase a Cultura onde se van facer talas, o que evitaría as constantes desfeitas do patrimonio de todos e todas.
Mentres esta necesaria coordinación non exista, iremos vendo como os xacementos de Xove, igual que os do resto de Galicia, se van destruíndo. Entre tanto, ADEGA e Mariñapatrimonio continúan co seu labor de denunciar as agresións contra o patrimonio e veñen de presentar seis novas denuncias por posibles danos ao patrimonio cultural da Mariña das que se achega a seguinte información
 
Coto dos Castros
  • No xacemento arqueolóxico Coto dos Castros,Polígono 503- Parcela 287/290, concello de Mondoñedo e Polígono 3- Parcela 191/192 ,concello de Lourenzá (Lugo) foi efectuada unha tala do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala, comprobamos que na zona noroeste deste xacemento, nas parcelas 287/290 do polígono 503, foron destruídos totalmente 120m do sistema defensivo (parapeto e foxo). Os materiais do parapeto foron utilizados como recheo do foxo para achaiar e aumentar a superficie de plantación de eucaliptos.
  • Na zona suroeste, parcela 191/192 do polígono 3, como consecuencia doutra tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada nun sector do parapeto.


Coto dos Castros (Mondoñedo - Lourenzá) (Lugo)


Coto dos Castros (Mondoñedo - Lourenzá) (Lugo)


Coto da Croa
  • No xacemento arqueolóxico O Coto da Croa, parroquia de Santa Cilla, concello de Foz (Lugo),foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que na parte intacta da croa, (outra parte fora destruída por unha canteira) abriuse con maquinaria pesada un acceso polo parapeto para entrar no interior da croa, que foi totalmente arada con profundos e anchos sucos, quedando á vista numerosos fragmentos de cerámica castrexa.  


Castro Loureiro
  • No xacemento arqueolóxico Castro Loureiro, parroquia de Chavín, concello de Viveiro (Lugo) GA27066012 foi efectuada unha tala do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala, comprobamos a posible afectación deste xacemento protexido pola lei.
A Croa
  • No xacemento arqueolóxico A Croa, parroquia de Landrove de Viveiro , concello de Viveiro (Lugo) GA27066011, foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala, comprobamos a posible afectación deste xacemento protexido pola lei.
Os Castro de San Caetano - Celeiro de Mariñaos - Barreiros (Lugo) Furados de 2m x 1,5m no parapeto


Os Castro de San Caetano
  • No xacemento arqueolóxico Os Castro de San Caetano, parroquia de Celeiro de Mariñaos concello de Barreiros (Lugo), foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada que abriu numerosos furados de 2m x 1,5m nun sector do parapeto deste castro protexido pola lei.
     
Os Castros
  • No xacemento arqueolóxico Os Castros, parroquia de San Pedro de Viveiro , concello de Viveiro (Lugo) GA27066009, foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada que abriu numerosos furados por toda a superficie deste xacemento protexido pola lei.
Fotos: https://picasaweb.google.com/101936272298621785797/OPATRIMONIOARQUEOLOXICODAMARINAENRISCOPOLAINDUSTRIADOEUCALIPTOEADESCOORDINACIONDAXUN








1/09/2013

CULTURA NON AUTORIZA NOVAS PLANTACIÓNS DE EUCALIPTO NO CASTRO DAS ENGROBIAS GRAZAS Á DENUNCIA DE ADEGA E MARIÑAPATRIMONIO

O Servizo de Patrimonio da Consellaría de Cultura vén de informar a ADEGA e a Mariñapatrimonio das accións levadas a cabo en relación coa denuncia presentada por ambas asociacións no mes de outubro sobre danos no castro das Engrobias.
Estas denuncias foron efectuadas ao comprobar que se tiña talado o monte de eucalipto e que a posterior repoboación destruiría o xacemento protexido pola lei.
O Servizo de Patrimonio confírmanos que os cortes eran ilegais, por non contaren coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e comunícanos que esta resolve non autorizar novas plantacións de eucalipto nas parcelas que ocupan o xacemento.
Estas resolucións, sen dúbida, constitúen unha boa noticia ao garantir que a industria do eucalipto non destrúa este ben patrimonial. A  industria madereira é na actualidade o maior inimigo do noso patrimonio arqueolóxico sendo responsables de decenas de agresións a diferentes tipos de xacementos. A inmensa maioría destas agresións non se chegan a denunciar nin mesmo a coñecer porque é moi difícil saber o que sucede no monte.
ADEGA  e Mariñapatrimonio agradecen aos veciños de Foz que controlaron e avisaron sobre o que estaba sucedendo no castro das Engrobias evitando así a destrución dunha das xoias coas que conta a parroquia de San Martiño de Mondoñedo.
Recoñocemos, tamén, o interese e o labor realizado polo alcalde de Foz que contribuirá, sen dúbida, a preservar este importante castro.


10/24/2012

Novas talas de eucalipto, afectan un castro protexido.


ADEGA e Mariñaptrimonio insta ao Servizo de Patrimonio para que actúen con dilixencia e eviten que a repoboación e a utilización de maquinaria pesada causen novos danos neste ben patrimonial

ADEGA e Mariñapatrimonio denunciaron  perante o Servizo de Patrimonio da Xunta os posibles danos ocasionados pola tala do monte de eucaliptos nos  Castros ou Engrobias parroquia de San Martiño- concello de Foz (Lugo)

Para esta tala utilizouse maquinaria pesada sobre o xacemento e  efectuáronse remocións de terra nun sector do parapeto, accións que  puideron afectar o xacemento, protexido pola lei de Patrimonio.

  

A día de hoxe non se teñen feito labores de repoboación sobre o xacemento que, como é sabido, utilizarían maquinaria pesada e efectuaríanse remocións de terra  que provocarían a destrución do xacemento,

ADEGA e Mariñapatrimonio instamos ao Servizo de Patrimonio para que actúen con dilixencia e, conforme contempla  a Lei de Patrimonio,  eviten que a repoboación e a utilización de maquinaria pesada causen danos neste ben patrimonial.

ADEGA e Mariñaptrimonio lamentamos unha vez máis estas agresións ao noso patrimonio e, asemade, lamentamos os prexuízos que ocasionan aos propietarios a falta dunha política axeitada que garanta a protección e conservación do patrimonio cultural.     

EnlaceFotos: https://picasaweb.google.com/101936272298621785797/CastrosEngrobiasSanMartinoFozLugo



8/23/2012

Mariñapatrimonio denuncia perante o SEPRONA o espolio de varios xacementos arqueolóxicos na Mariña.


 O castro do Carreiro con muíño

 O castro do Carreiro sen muíño

O castro do Carreiro, o castro de Fazouro, o xacemento da Pampillosa e o de Estabañón afectados por delincuentes cazatesouros.

O pasado marzo Mariñapatrimonio daba a coñecer a existencia dun importante castro costeiro no lugar do Carreiro en Foz. Entre os numerosos restos arqueolóxicos visibles nos cantís, destacaban muros das cabanas e unha roda de muíño, desaparecida recentemente, tal e como detectou un veciño de Foz que contactou con Mariñapatrimonio.

O 25 de maio o Parlamento aproba nunha sesión da Comisión de Educación e Cultura unha iniciativa da deputada Emma Álvarez, encamiñada á protección, estudo e sinalización do xacemento arqueolóxico do Carreiro, polo que a retirada do muíño deberían realizala os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, pero lamentablemente actuaron antes os espoliadores que a Xunta, responsable da conservación e protección do patrimonio tal e como recolle a lei.

A destrucción do Patrimonio non se debe unicamente aos delincuentes cazatesouros, senón que ás veces unha práctica tan inocente como é a pesca con cana dende os cantís pode afectar a un xacemento cando os pescadores, por descoñecemento, desmontan e destrúen os muros das cabanas do castro para coller boas pedras que termen das canas.
Dende que soubemos da existencia do castro do Carreiro, hai uns cinco meses, comprobamos que estas prácticas están a mermar notablemente as estruturas do xacemento.

 Mariñapatrimonio visitou outros xacementos da zona e comprobou que no castro de Fazouro (Foz),  un dos máis emblemáticos da Mariña e sobre o que se están levando a cabo os trámites para ser declarado BIC, o que supón a máxima protección para un Ben Patrimonial, as pedras dos muros tamén están sendo aproveitadas polos pescadores e aprécianse claramente as escavacións dos espoliadores.

Por outro lado, no xacemento romano da Pampillosa (Foz) é máis visible a acción dos furtivos que deixaron fragmentos de tégula apilados no lugar que escavaron , posiblemente por consideralos de menor interese.
Por último, o extraordinario xacemento de Estabañón (Viveiro), atópase nun estado de abandono lamentable despois de que o proxecto multimillonario de Costas non fose adiante e a súa intervención  só servise para deteriorar o xacemento e facilitarlles o labor aos espoliadores, que continúan pola súa conta facendo escavacións. 

 Escavación ilegal no xacemento de Estabañón
 
 
Detalle  coas pegadas das ferramentas utilizadas 

Estes feitos, que consideramos especialmente graves e que poden ser constitutivos dun delito de danos ao Patrimonio cultural de Galiza, foron denunciados por Mariñapatrimonio perante o SEPRONA co fin de que se practiquen as dilixencias necesarias para o esclarecemento destes feitos

6/06/2012

Día Mundial dos Oceanos


O próximo venres 8 de  xuño, con motivo do Día Mundial dos Oceanos, Mariñapatrimonio, ADEGA, Karrikanta, Pomba do Arco e Sensación Surf Escola sumarémonos á iniciativa de limpeza simultánea de praias que terá lugar en areais de toda Galiza. No noso caso a praia elixida é a de Area Brava, tamén coñecida como a dos Alemáns (Cangas- Foz).
Quen desexe colaborar nesta actividade pode achegarse á citada praia a partir das 14:00; para máis información contactar con Miguel Vizoso no teléfono: 619553236

5/16/2012

O TÚMULO DA COVA DE OURO E O PETRÓGLIFO RETICULADO DE LANGOIRA, DOUS NOVOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS DA MARIÑA


A asociación Mariñapatrimonio informou ao Servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura sobre a existencia de dous bens patrimoniais: unha mámoa que se atopa no lugar de Moreiras, parroquia de San Román ( O vicedo- Lugo), coñecida  co nome de A Cova de Ouro e un petróglifo dos denominados reticulados que apareceu no lugar de Langoira, parroquia de Castelo (Cervo- Lugo).

Estes dous bens patrimoniais foron incluídos polo citado Servizo de Patrimonio no inventario de xacementos arqueolóxicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural  coas claves GA27064019 e GA270130 respectivamente.

Segundo os  expertos, os petróglifos reticulados son dos máis antigos de Galiza, coñécense poucas rochas con este tipo tipo de gravuras e concéntranse case exclusivamente na provincia de Pontevedra.
 
O túmulo da Cova de Ouro probablemente  deba o  seu nome ao feito de que o ouro frecuentemente  formaba parte do enxoval funerario enterrado  nas mámoas.

Estes  dous novos achados súmanse á lista de xacementos arqueolóxicos  da Mariña, amosando  a riqueza patrimonial da comarca.

Fotos: https://picasaweb.google.com/mr.patrimonio/PetroglifoReticuladosDeLangoira

4/23/2012

Roteiro polos castros costeiros de Foz e Presentación do libro Herdeiros á forza dos autores Manuel Gago e Xurxo Ayán


ACTO ORGANIZADO POLAS ASOCIACIÓNS:
A POMBA DO ARCO E MARIÑAPATRIMONIO.

28 de abril na praza do porto de Foz,inicio do roteiro polos castros costeiros de Foz ás 16:00  e presentación do libro Herdeiros á forza dos autores Manuel Gago e Xurxo Ayán ás 19:00 na Casa de Cultura.


As Asociacións culturais A Pomba do Arco e MariñaPatrimonio queren invitar ao público en xeral a participar  nun roteiro polos castros marítimos do concello de Foz.

Recentemente a Asociación cultural MariñaPatrimonio descubría restos arqueolóxicos no lugar do Carreiro de Foz. Restos que foron amosados ao servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura que recoñeceu a existencia dun asentamento arqueolóxico. Este feito moveu á Asociación A Pomba do Arco, en unión con Mariña Patrimonio, a organizar un acto no que se poña en valor o noso patrimonio, en concreto os castros marítimos do concello de Foz, organizando para iso un roteiro polos citados castros.

O acto terá comezo o día 28 de abril, sábado, ás 16:00 na praza do porto de Foz, no que un autobús recollerá a todos os que queiran participar, para levalos polo citado roteiro.

                                                    O Carreiro de Foz

Comezará a visita no xacemento arqueolóxico do Carreiro de Foz, onde se nos amosarán os restos que alí apareceron. Continuará polo Cu do Castro, na praia de Llas, e polo castro de Fazouro, no que se nos vai falar da súa estrutura e das relacións sociais do mundo castrexo. Explicación que levarán a cabo Manuel Gago e Xurxo Ayán. Continuaremos coa visita a outro castro da parroquia de Nois e rematarémola no Pico da Lebre, no que se nos amosarán os restos da fortaleza que alí existira.

O roteiro rematará na Casa da Cultura do Concello de Foz, na que ás 19:00  Manuel Gago e Xurxo Ayán comezarán a presentación do seu derradeiro libro Herdeiros pola forza, un achegamento á situación actual do patrimonio arqueolóxico e cultural galego.
Os asistentes poderán mercar o libro, se o desexan,  no propio acto e pedirlle aos autores que o asinen.

Agardamos que todo aquel que queira pasar un sábado dunha maneira distinta e ao tempo aprender sobre a nosa historia e sobre o noso pasado que se acheguen este sábado 28 ao porto de Foz e a Casa da Cultura.

                                         Trailer do libro