5/21/2013

O castro da Atalaia, protagonista da cuarta conferencia do ciclo “Arqueoloxía e o mar: Navegando na nosa historia”, o próximo venres no Museo do Mar de San Cibrao.

O  que aconteceu no xacemento arqueolóxico do castro da Atalaia é sobradamente coñecido, o que ignoramos son os resultados das diferentes intervencións arqueolóxicas realizadas neste xacemento; por iso, Mariñapatrimonio agradece a Marián Cueto e a Edgard Camarós, organizadores deste interesante ciclo de conferencias, a oportunidade que nos brindan a todos os mariñáns para comezar a coñecer os segredos que se ocultaban baixo as areas da Atalaia.
A conferencia a cargo dos especialistas Víctor Bejega García e Esteban Álvarez Fernández, que leva por título:"De piscatores a mareantes: Evidencias arqueolóxicas de pesca e marisqueo en Punta Atalaia (San Cibrao, Cervo)", terá lugar o venres 24 de maio ás 19:00h no Museo do Mar de San Cibrao.
Dende Mariñapatrimonio animamos a todas as persoas interesadas en coñecer o noso pasado e a nosa historia a asistir a este acto, que nos informará sobre aspectos relevantes da vida cotiá dos habitantes da Atalaia na Idade do Ferro.

5/09/2013

ADEGA E MARIÑAPATRIMONIO PIDEN Á XUNTA QUE PRESERVE A COVA DA SENRA DO PASO DA AUTOESTRADA BARREIROS - SAN CIBRAO




En novembro de 2012, o xacemento foi inventariado tras a demanda de ADEGA e Mariñapatrimonio.
ADEGA e Mariñapatrjmonio demandan á Xunta de Galicia que non autorice o paso da autoestrada A-82 por riba do xacemento, posiblemente castrexo, denominado Cova da Senra e situado en Cervo. O xacemento está inventariado desde novembro do ano pasado; aínda así, segue correndo o risco de desaparecer, xa que a Xunta non determinou ningún cambio no trazado da infraestrutura prevista que preserve este ben patrimonial.
En decembro de 2011, tras a publicación no BOE do trazado definitivo da autoestrada Barreiros- San Cibrao (A-82), os veciños da Senra (Cervo) decátanse de que o trazado elixido, á parte de destruír os mananciais de onde aproveitan a auga para o uso doméstico, tamén podía afectar a un xacemento arqueolóxico non inventariado que a empresa encargada de elaborar o proxecto da autovía non detectou, malia a monumentalidade do xacemento.
ADEGA e Mariñapatrimonio comunícanlle á Xunta de Galicia a existencia deste ben patrimonial en perigo e solicítanlle a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos para así asegurar a súa protección e evitar o paso da autovía por este lugar.
En marzo de 2012 membros de Mariñapatrimonio e de ADEGA acompañan aos técnicos de Patrimonio para ver o posible xacemento e días despois a Xunta confirma que “este punto se vería afectado pola obra”.
Finalmente, no mes de novembro de 2012, a Dirección Xeral de Patrimonio informa ás citadas asociacións sobre a inclusión deste xacemento no Inventario coa clave GA27013014.
O mesmo que tiña acontecido co castro do Carreiro de Foz, a Xunta limítase a dicir que a Cova da Senra é un xacemento arqueolóxico, pero non precisa a tipoloxía nin o período cultural ao que pertence.



A Cova da Senra é un xacemento arqueolóxico que, como se pode observar nas fotos aéreas do 1956 e nas imaxes LIDAR que borran a vexetación, ten forma case circular; o eixo maior mide 135m e o menor 120m; está rodeado por un impresionante sistema defensivo que illa o xacemento do entorno onde está situado. Pola parte máis vulnerable, o sistema defensivo conta con catro foxos e catro parapetos e no interior do recinto poden apreciarse os restos dunha edificación circular.
Neste xacemento tamén se atopou un muíño barquiforme, como os que se adoitan encontrar nos castros.
As características que se acaban de enumerar e os restos atopados, evidencian que o xacemento da Cova é un castro.
Este castro,porén, ten unha característica que o diferencia da maioría: os seus construtores, no canto de elixir un lugar máis ou menos chao para a súa ubicación, situárono nun dos lugares máis costentos da Senra. Con todo, non é un caso único; coñécense outros con esta peculiaridade. Esta estraña localización fai especialmente interesante a Cova da Senra.
ADEGA e Mariñapatrimonio agardan que a Xunta de Galicia non autorice o actual trazado da autovía e se procure un trazado alternativo que non afecte nin destrúa o castro da Cova da Senra.


Enlaces Fotos:
https://picasaweb.google.com/101936272298621785797/ACovaSenraCervoLugo02

4/25/2013

ROTEIRO POLA TERRA DE VILALBA


A xornada fíxose curta para poder completar todo o programa que Eduardo Ramil nos tiña preparado. Un xeneroso agasallo deste home que recibiu do seu pai, José Ramíl Soneira, unha paixón pola arqueoloxía que cristalizou no expléndido Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. Un espazo que permite achegarse á comprensión da prehistoria en xeral, e á da Terra Chá en particular, dun xeito que integra con equilibrio o rigor científico e a intención didáctica e divulgativa. O agradecemento e a admiración de Mariña Patrimonio a este home e por extensión ao seu pai por un longo e ben trenzado traballo de moitos anos para sacar á luz e pór en valor o rico patrimonio arquelóxico da súa comarca.

O percorrido arqueolóxico que fixemos este sábado resultou sorprendente; sendo breve para o catálogo de bens existente, realmente non tiñamos idea da enorme riqueza patrimonial que esta zona garda, coa vantaxe de que o seu nivel de conservación é bastante bo, se o comparamos con outras áreas do país como A Mariña, na que a explotación forestal e o urbanismo descontrolados fan perigar de forma alarmante gran parte dos xacementos coñecidos e por descubrir.

Animamos encarecidamente á todas as persoas que queiran coñecer o noso pasado remoto que, individualmente, en familia, ou a través dalgún colectivo, se acheguen ao museo vilalbés, xa que paga a pena.  En particular consideramos que para os centros educativos da provincia é un recurso de gran nivel que pola súa proximidade constitúe privilexio para os que estamos acostumados a ter que realizar desprazamentos longos para acceder aos recursos de interese. O museo ofrece unha programación didáctica moi ben adaptada e atractiva, que permite aos rapaces abordar de forma completa a comprensión da prehistoria.
A web do museo, http://www.museovilalba.org/galego/index.htm, permite preparar con facilidade a visita.

Amosamos unha imaxe captada por un dos participantes no roteiro, Xan Fernández, do Castro de Gondaisque, un dos sitios arqueolóxicos visitados, impresionante pola súa boa conservación.



4/04/2013

ROTEIRO DE MARIÑAPATRIMONIO POLA TERRA CHÁ

A asociación MARIÑAPATRIMONIO organiza para o sábado 20 de abril un roteiro arqueolóxico pola comarca da Terra Chá, na bisbarra de Vilalba.

Como a mellor maneira de protexer o noso patrimonio é coñecelo, a asociación Mariñapatrimonio convida a todas as persoas interesadas en participar nun roteiro polos lugares arqueolóxicos máis emblemáticos das terras de Vilalba.

Para esta actividade divulgativa a asociación conta coa colaboración inestimable do Museo Arqueolóxico de Vilalba e en particular do seu director Eduardo Ramil, que guiará a visita á Roza das Modias, a Pedra Chatada e o acubillo de Pena Grande, entre outros.
Esta actividade inclúe a visita guiada ao Museo Arqueolóxico, onde o seu director falará sobre o Paleolítico na Mariña ao tempo que se poderán ver e tocar pezas procedentes da nosa comarca depositadas no Museo: útiles paleolíticos de Louselas (Ribadeo) e de Río Covo (Cervo). Eduardo Ramil fará unha demostración da fabricación destes útiles líticos e os participantes que o desexen poderán pór en práctica o aprendido..

O roteiro contará cunha comida conxunta e disporase dun autobús para o desprazamento dende a Mariña.
O prezo da actividade, que inclúe a comida e o autobús, será de 25 euros. Os nenos, estudantes e desempregados pagarán 20 euros.

As persoas interesadas en participar neste roteiro deberán apuntarse antes do 15 de abril chamando aos telefonos 654173637 / 616815120.


3/21/2013

MARIÑAPATRIMONIO DESCOBRE UNHA IMPORTANTE EXPLOTACIÓN AURÍFERA ROMANA NA MARIÑA LUGUESA.


 
O arqueólogo Santiago Ferrer confirma que neste gran complexo mineiro tense extraído ouro na época romana.

Mariñapatrimonio vén de descubrir nos lugares de As Covas (Barreiros) e A Espiñeira (Foz), a existencia de restos do que noutrora foi un gran complexo mineiro.
A morfoloxía do lugar e o tipo de solo, terrazas aluviais, indicaban que podía tratarse dun xacemento mineiro romano e destinado á extracción de ouro.
 Mariñapatrimonio contactou co arqueólogo de recoñecido prestixio e especialista en minería antiga, Santiago Ferrer Sierra, quen confirmou in situ que sen ningunha dúbida estamos ante un importante complexo mineiro de época romana e que tanto na Espiñeira coma nas Covas extraeuse ouro hai dous mil anos.
Destacou a trascendencia do achado e sinalou que se trata da primeira explotación mineira romana da que se ten noticia na Mariña, onde arqueólogos e historiadores pensaban que non existían este tipo de explotacións.
 Ferrer fixo tamén fincapé na magnitude do xacemento arqueolóxico e no bo estado en que chegou a nós; asimesmo destacou a importancia de conservalo e protexelo.
Na visita ao xacemento de A Espiñeira,xunto co arqueólogo e membros de Mariñapatrimonio, tamén estivo o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira,con quen se conversou sobre as grandes posibilidades que ofrece o lugar para ser visitado, o que atraería un turismo cultural que complementaría a oferta turística da Mariña.
Este novo xacemento contribúe a reforzar a idea do rexidor de Foz de recuperar o veciño castro de As Engrobias.
Mariñapatrimonio comunicou este novo achado ao Servizo de Patrimonio da Xunta e solicitou a súa inclusión no Inventario Xeral de Patrimonio.

2/11/2013

FOTOS AÉREAS DO CASTRO DAS ENGROBIAS

Agradecémoslle ao  amigo Humberto Palacios Pool as extraordinarias fotografías do castro Das Engrobias (Foz) que nos enviou e que queremos compartir con vós. 
  Esta ortofoto lidar pode servir de guía para observar o complexo sistema defensivo deste xacemento, oculto en parte nas fotos aéreas polos eucaliptos.
 
Nesta foto vemos unha persoa andando por un dos tres foxos que ten o castro neste sector. Fixádevos na anchura do foxo, que na foto aérea pode despistar e non apreciarse a monumentalidade do sistema defensivo.

2/08/2013

O PETROGLIFO DA “CASA DO CURA”, NOVO XACEMENTO INVENTARIADO NA MARIÑA.


O petroglifo de Monte, o primeiro inventariado no concello de  Xove, atópase nunha rocha da finca denominada “Casa do Cura”, en Penas Agudas (parroquia de Monte).
Este petroglifo foi incluído polo Servizo de Patrimonio da Consellería de Cultura no Inventario de xacementos arqueolóxicos coa denominación “petroglifo do Monte” coa clave GA27025030.

Os petroglifos son gravuras feitas nas rochas.Trátase da manifestación artística máis xenuína da prehistoria de Galicia. A maioría destes xacementos datan da Idade do Bronce e, aínda que se atopan en todo o territorio galego, abundan especialmente nas Rías Baixas.




A rocha da “Casa do Cura” ten gravados 18 buratiños semiesféricos, coñecidos como coviñas ou cazoletas, e varias liñas serpentiformes. Este é o primeiro petroglifo descuberto en Xove que ven a sumarse aos xa dados a coñecer por Mariñapatrimonio: O do castro da Atalaia (San Cibrao); o do castro do Coído, os do castro de Rueta e o reticulado de Langoira (Cervo); os do castro de Burela e os podomorfos nas Anzas (Ribadeo)

O petroglifo de Monte, ao incluíreno no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia, goza da máxima protección por tratarse dun Ben de Interese Cultural (BIC)
Este achádego, que confirma a riqueza arqueolóxica da nosa comarca, aporta novos datos para o estudo desta interesante manifestación cultural da prehistoria na Mariña.

1/23/2013

O PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DA MARIÑA, EN RISCO POLA INDUSTRIA DO EUCALIPTO E A DESCOORDINACIÓN DA XUNTA

 
ADEGA e Mariñapatrimonio presentan seis novas denuncias por danos en xacementos protexidos da Mariña.
Lugo, a 23 de xaneiro de 2013.- Dende o ano 2008 Mariñapatrimonio e ADEGA veñen denunciando todas as agresións e destrucións ao patrimonio cultural das que van tendo noticia. Até o día de hoxe levan presentado máis dunha ducia de denuncias, nove delas debidas a danos ocasionados polas cortas e posteriores repoboacións do monte de eucalipto en xacementos arqueolóxicos; catro destes xacementos inventariados e, polo tanto, protexidos pola lei.
Na Mariña, como no resto do territorio galego, a meirande parte do patrimonio arqueolóxico que se destrúe débese á industria do eucalipto. Un exemplo ben ilustrativo da magnitude que acada esta destrución témolo no concello de Xove. O concello de Xove é o único da Mariña cun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado definitivamente, no que se poden consultar as fichas co patrimonio arqueolóxico do concello. Evidentemente non recolle todos os xacementos arqueolóxicos existentes, os cales se irán incorporando a medida que se descubran.
No catálogo do PXOM de Xove atópanse 32 xacementos catalogados, dos cales 21 están plantados de eucalipto. Destes 21 xacementos, 4 xa non existen “posiblemente como consecuencia dos labores forestais”, tal e como recoñecen os técnicos que elaboraron o PXOM. O dramático desta situación é que no prazo duns vinte anos, que é o prazo da corta dos eucaliptos, terán desaparecido os 17 restantes.
A Lei de Patrimonio recolle que estes xacementos están protexidos e, por tanto, penada a súa destrución. A Xunta de Galicia é a encargada de protexer os xacementos e de sancionar as persoas que os destrúen. A maioría dos propietarios das parcelas onde se atopan xacementos arqueolóxicos descoñecen a súa existencia; no entanto, a Xunta, que coñece cando menos os xacementos incluídos no seu inventario, non informa aos propietarios para evitar que realicen actividades prohibidas en xacementos protexidos. A Xunta tampouco permite a consulta do inventario, malia a que o inventario é público, segundo recolle a lei.
A mesma Xunta que prohibe o movemento de terras e calquera acción que poida danar un xacemento arqueolóxico protexido e inventariado é a que autoriza as cortas do monte de eucalipto e obriga aos propietarios á posterior repoboación nestes xacementos, labores que na actualidade se realizan con maquinaria pesada ocasionando graves danos no patrimonio.
A Xunta , que autoriza e prohibe asemade as cortas nos xacementos arqueolóxicos, debería autodenunciarse e automultarse de maneira exemplarizante por ser a responsable de centos de destrucións do patrimonio. Poida que deste xeito a Consellaría de Cultura informase á de Medio Rural onde hai xacementos e Medio Rural, pola súa banda, informase a Cultura onde se van facer talas, o que evitaría as constantes desfeitas do patrimonio de todos e todas.
Mentres esta necesaria coordinación non exista, iremos vendo como os xacementos de Xove, igual que os do resto de Galicia, se van destruíndo. Entre tanto, ADEGA e Mariñapatrimonio continúan co seu labor de denunciar as agresións contra o patrimonio e veñen de presentar seis novas denuncias por posibles danos ao patrimonio cultural da Mariña das que se achega a seguinte información
 
Coto dos Castros
  • No xacemento arqueolóxico Coto dos Castros,Polígono 503- Parcela 287/290, concello de Mondoñedo e Polígono 3- Parcela 191/192 ,concello de Lourenzá (Lugo) foi efectuada unha tala do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala, comprobamos que na zona noroeste deste xacemento, nas parcelas 287/290 do polígono 503, foron destruídos totalmente 120m do sistema defensivo (parapeto e foxo). Os materiais do parapeto foron utilizados como recheo do foxo para achaiar e aumentar a superficie de plantación de eucaliptos.
  • Na zona suroeste, parcela 191/192 do polígono 3, como consecuencia doutra tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada nun sector do parapeto.


Coto dos Castros (Mondoñedo - Lourenzá) (Lugo)


Coto dos Castros (Mondoñedo - Lourenzá) (Lugo)


Coto da Croa
  • No xacemento arqueolóxico O Coto da Croa, parroquia de Santa Cilla, concello de Foz (Lugo),foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que na parte intacta da croa, (outra parte fora destruída por unha canteira) abriuse con maquinaria pesada un acceso polo parapeto para entrar no interior da croa, que foi totalmente arada con profundos e anchos sucos, quedando á vista numerosos fragmentos de cerámica castrexa.  


Castro Loureiro
  • No xacemento arqueolóxico Castro Loureiro, parroquia de Chavín, concello de Viveiro (Lugo) GA27066012 foi efectuada unha tala do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala, comprobamos a posible afectación deste xacemento protexido pola lei.
A Croa
  • No xacemento arqueolóxico A Croa, parroquia de Landrove de Viveiro , concello de Viveiro (Lugo) GA27066011, foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala, comprobamos a posible afectación deste xacemento protexido pola lei.
Os Castro de San Caetano - Celeiro de Mariñaos - Barreiros (Lugo) Furados de 2m x 1,5m no parapeto


Os Castro de San Caetano
  • No xacemento arqueolóxico Os Castro de San Caetano, parroquia de Celeiro de Mariñaos concello de Barreiros (Lugo), foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada que abriu numerosos furados de 2m x 1,5m nun sector do parapeto deste castro protexido pola lei.
     
Os Castros
  • No xacemento arqueolóxico Os Castros, parroquia de San Pedro de Viveiro , concello de Viveiro (Lugo) GA27066009, foi efectuada unha tala e repoboación do monte de eucaliptos.
  • Como consecuencia desta tala e repoboación, comprobamos que houbo remocións de terra con maquinaria pesada que abriu numerosos furados por toda a superficie deste xacemento protexido pola lei.
Fotos: https://picasaweb.google.com/101936272298621785797/OPATRIMONIOARQUEOLOXICODAMARINAENRISCOPOLAINDUSTRIADOEUCALIPTOEADESCOORDINACIONDAXUN








1/09/2013

CULTURA NON AUTORIZA NOVAS PLANTACIÓNS DE EUCALIPTO NO CASTRO DAS ENGROBIAS GRAZAS Á DENUNCIA DE ADEGA E MARIÑAPATRIMONIO

O Servizo de Patrimonio da Consellaría de Cultura vén de informar a ADEGA e a Mariñapatrimonio das accións levadas a cabo en relación coa denuncia presentada por ambas asociacións no mes de outubro sobre danos no castro das Engrobias.
Estas denuncias foron efectuadas ao comprobar que se tiña talado o monte de eucalipto e que a posterior repoboación destruiría o xacemento protexido pola lei.
O Servizo de Patrimonio confírmanos que os cortes eran ilegais, por non contaren coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e comunícanos que esta resolve non autorizar novas plantacións de eucalipto nas parcelas que ocupan o xacemento.
Estas resolucións, sen dúbida, constitúen unha boa noticia ao garantir que a industria do eucalipto non destrúa este ben patrimonial. A  industria madereira é na actualidade o maior inimigo do noso patrimonio arqueolóxico sendo responsables de decenas de agresións a diferentes tipos de xacementos. A inmensa maioría destas agresións non se chegan a denunciar nin mesmo a coñecer porque é moi difícil saber o que sucede no monte.
ADEGA  e Mariñapatrimonio agradecen aos veciños de Foz que controlaron e avisaron sobre o que estaba sucedendo no castro das Engrobias evitando así a destrución dunha das xoias coas que conta a parroquia de San Martiño de Mondoñedo.
Recoñocemos, tamén, o interese e o labor realizado polo alcalde de Foz que contribuirá, sen dúbida, a preservar este importante castro.


10/24/2012

Novas talas de eucalipto, afectan un castro protexido.


ADEGA e Mariñaptrimonio insta ao Servizo de Patrimonio para que actúen con dilixencia e eviten que a repoboación e a utilización de maquinaria pesada causen novos danos neste ben patrimonial

ADEGA e Mariñapatrimonio denunciaron  perante o Servizo de Patrimonio da Xunta os posibles danos ocasionados pola tala do monte de eucaliptos nos  Castros ou Engrobias parroquia de San Martiño- concello de Foz (Lugo)

Para esta tala utilizouse maquinaria pesada sobre o xacemento e  efectuáronse remocións de terra nun sector do parapeto, accións que  puideron afectar o xacemento, protexido pola lei de Patrimonio.

  

A día de hoxe non se teñen feito labores de repoboación sobre o xacemento que, como é sabido, utilizarían maquinaria pesada e efectuaríanse remocións de terra  que provocarían a destrución do xacemento,

ADEGA e Mariñapatrimonio instamos ao Servizo de Patrimonio para que actúen con dilixencia e, conforme contempla  a Lei de Patrimonio,  eviten que a repoboación e a utilización de maquinaria pesada causen danos neste ben patrimonial.

ADEGA e Mariñaptrimonio lamentamos unha vez máis estas agresións ao noso patrimonio e, asemade, lamentamos os prexuízos que ocasionan aos propietarios a falta dunha política axeitada que garanta a protección e conservación do patrimonio cultural.     

EnlaceFotos: https://picasaweb.google.com/101936272298621785797/CastrosEngrobiasSanMartinoFozLugo