6/19/2014

MariñaPatrimonio celebra o regreso a Lugo da colección de ourivería de Ávaro Gil.

 
MariñaPatrimonio recoñece e valora moi positivamente os resultados das negociacións levadas a cabo pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, que conseguiron a volta das valiosas pezas de ourivería prerromana ao Museo Provincial de Lugo. Estas pezas constitúen un símbolo moi salientable da nosa cultura e teñen unha especial relevancia para a comarca da Mariña, de onde procede unha boa parte desta colección.
O pasado decembro as asociacións Cultura do País, ADEGA, Buril e MariñaPatrimonio organizabamos un roteiro pola Mariña para reivindicarmos a volta da colección de Álvaro Gil e, asemade, reivindicabamos a defensa de varios xacementos arqueolóxicos da nosa comarca, que son outras xoais do noso patrimonio. Hoxe MariñaPatrimonio felicita a Área de Cultura polo seu magnífico labor e agardamos que algún día poidamos tamén felicitar a Consellería de Cultura da Xunta cando, por exemplo, inclúan no Inventario a mina de ouro da Espiñeira e cando consoliden e protexan Estabañón, a Roda de Barreiros ou o Hipocausto de Burela.

6/10/2014

ROTEIRO CONXUNTO DE MARIÑA PATRIMONIO E ROXIN ROXAL POLA MARIÑA CENTRAL

Este pasado fin de semana, sabado 7 e domingo 8, a Asociación Sociocultural MariñaPatrimonio realizou un roteiro pola comarca da Mariña Central nos concellos de Foz, Alfoz, O Valadouro, 
Mondoñedo e Lourenzá, en colaboración coa asociación afín Roxín Roxal, que desenvolve o seu extenso labor de defensa do patrimonio cultural e natural na comarca das Mariñas coruñesas.

 A actividade contou cunha participación total de 70 persoas convocadas entre as dúas asociacións.
O sábado o grupo visitou pola mañá a basílica de San Martiño de Mondoñedo, o obradoiro e o paradisíaco xardín do artista Daniel Caxigueiro, os restos do castelo da Frouxeira e a fortaleza do Castro de Ouro; pola tarde o grupo desprazouse aos montes do Chao de Padorno, onde se atopan o Prado das Chantas e diversos monumentos megalíticos. O animador cultural e escritor valadourense, Lionel Rexes, foi o encargado de guiar este roteiro.

O domingo, a xornada comezou na praza da catedral de Mondoñedo coa visita á sé episcopal, continuou cun interesantísimo percorrido pola cidade e rematou na Ponte do Pasatempo. A visita foi guiada polo concelleiro de cultura, Xusto Fernández Haro e o arqueólogo municipal, Abel Vigo. Despois dunha comida de confraternidade na Casa da Penela, en Masma, o grupo rematou a xornada na Fortaleza de Tovar, un espectacular edificio do s. XVI que domina o fermoso val de Lourenzá na parroquia de Sto. Tomé e que está aberto ao público desde comezos deste ano, despois dun admirable traballo de restauración e posta en valor, por parte do seu propietario, José Ventoso.
MariñaPatrimonio valora de xeito moi positivo estas xornadas de divulgación do patrimonio histórico mariñán e, especialmente, o resultado desta colaboración que abre a porta a un traballo de cooperación entre estes dous colectivos que comparten obxectivos e intereses en torno á defensa, divulgación e goce social do patrimonio cultural material e inmaterial así como natural, tan valioso como ameazado e necesitado de atención.
Nas próximas semanas, o colectivo ten programado un roteiro curto no concello de Cervo, para dar a coñecer e pór en valor a Fraga de Martín Paz, na cabeceira do Rio Covo, un espazo natural de bosque atlántico moi ben conservado e que, por iso, precisa ser protexido fronte á expansión do eucaliptal.

Fotos:


5/29/2014

Roteiro pola Mariña Central

MariñaPatrimonio e a asociación cultural Roxín Roxal de Paderne (A Coruña), estamos a organizar un roteiro pola Mariña Central para os vindeiros días 7 e 8 de xuño e que vai contar coa seguinte programación:
Sábado 7
Ás 11h. visita guiada en San Martiño de Mondoñedo. Posteriormente subida a A Frouxeira e a continuación visita ao castelo de Castro de Ouro.
Pola tardiña subida ao Chao do Padorno para visitarmos O Dolmen e o Prado das Chantas. O desprazamento farase en coches particulares e cada un levará a súa comida.
O prezo da actividade é de 4€ para non socios/as e 3€ para socios/as.
Domingo 8
Ás 10h. visita guiada na catedral, no museo e na vila de Mondoñedo; visita que rematará na Ponte do Pasamento. A continuación terá lugar un xantar de confraternidade na Casa da Penela (15€).
Á tardiña remataremos este roteiro cunha visita guiada á Fortaleza de Tovar. Nesta xornada os desprazamentos tamén se realizarán en coches particulares.
O prezo desta actividade, exceptuando o xantar, custará incluíndo as entradas 8€ para non socias/os e 7€ para socias/os.
Para se apuntar teléfonos 616815120 / 654173637 ou en mr.patrimonio@gmail.com
A data límite de inscrición é o 5 de xuño.

5/28/2014

A TUMBA DA PRAIA DE BARREIROS, NOVO XACEMENTO ARQUEOLÓXICO.

A Xunta inclúe no inventario de xacementos arqueolóxicos a tumba medieval localizada na praia de Coto, Barreiros (Lugo), trala solicitude realizada por MariñaPatrimonio.

O Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza incluíu no Inventario de xacementos arqueolóxicos a tumba labrada na rocha, de época medieval e que foi descuberta por un veciño de Ribadeo na praia de Coto, concello de Barreiros.
MariñaPatrimonio solicitara o pasado mes de abril a Patrimonio a súa inclusión ao considerar que se trataba dun novidoso e importante sitio arqueolóxico que cumpría documentalo, dalo a coñecer e protexelo.

A sepultura está situada a 900m da capela de San Bartolo e probablemente exista entre ambas algunha relación.
Como se sabe, a toponimia está moi asociada aos xacementos arqueolóxicos e, aínda que na actualidade non se rexistre ningún nome no lugar que faga referencia a esta tumba, si atopamos en documentación antiga topónimos como Rego do Lopo, Casal e Coto, que perviven na actualidade no entorno do xacemento. Un dato moi relevante atopado tamén nesta documentación é a presenza do topónimo O Corpo Santo “(...) abaxo de dicho Casal que se dice das figueiras y derecho a donde dicen O Corpo Santo y va por toda la orilla de la mar por junto al dicho Coto “

Corpo Santo é un nome que aparece documentado en toda Galiza e que fai referencia a este de tipo de enterramentos da Idade Media.



5/21/2014

A CROA DE SANTE INCLUÍDA NO INVENTARIO DE XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS.

O castro da Croa, parroquia de Sante, concello de Trabada, ven de ser incluído no Inventario de xacementos arqueolóxicos coa denominación de A Croa do Barreiro e coa clave GA27061021.
MariñaPatrimonio solicitara a súa inclusión o pasado mes de abril, ao ter constancia da súa existencia e ao sospeitar que o Servizo de Patrimonio de Lugo non o tiña inventariado. Grazas a esta inclusión, o xacemento gozará de protección e non debería sufrir máis agresións como a rexistrada recentemente co depósito ilegal de toneladas de escombros, feito que foi denunciado no seu día perante o SEPRONA por ADEGA e MariñaPatrimonio. A mencionada protección tamén deberá evitar que se estrague o xacemento cando se corten os eucaliptos plantados sobre este ben patrimonial.
O propietarios das parcelas que conforman o castro foron informados pola Xunta e calquera actuación que afecte ao xacemento e ao seu contorno de protección, deberán notificarllo á Consellería de Cultura.

As Arcas de Sinás.


 
 Un día paseando na grata compañía dos amigos Manolo Camba e mais Isaac Ferreira polo país do Valadouro, paramos a descansar nas Arcas de Sinás, como fixeran aquel home do Cadramón e o seu fillo que viñan cunhas bestas cargadas de sal dende Viveiro. O rapaz, perseguindo un paxaro que se metera debaixo das pedras, atopou un tesouro formado por moedas e un cabrito de ouro. O resto da historia pódese ler no interesante libro CONTOS DO VALADOURO dos autores Xesús Pisón, Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira.
O tesouro que nós levamos para a casa foi todo o que aprendimos naquela inesquecible xornada.



5/02/2014

MARIÑAPATRIMONIO INFORMA AO SERVIZO DE PATRIMONIO SOBRE A DESCOBERTA DUNHA POSIBLE TUMBA MEDIEVAL.

Mariñapatrimonio ven de comunicarlle ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza a existencia na praia de Benquerencia dunha posible tumba antropomorfa, labrada na rocha e de época medieval.
O pasado 20 de abril Pablo, veciño de Ribadeo, informou a Mariñapatrimonio de que na praia de Benquerencia, concello de Barreiros, vira unha rocha labrada que semellaba unha tumba medieval. Despois de visitar o lugar, a citada asociación contactou con varios arqueólogos, que coincidiron en que a rocha fora labrada pola man do home e descartaron totalmente a posibilidade de que se trate dunha oquedade natural. Así mesmo, as medidas: 1,60cm de longo; 40cm de ancho, onde irían os pés e 50cm no lugar dos ombreiros, coinciden coas medidas habituais neste tipo de sepulturas. Outro dato que salientaron os arqueólogos é a orientación da tumba, posto que estes enterramentos medievais maioritariamente estaban orientados oeste-leste, coma se o defunto mirase
cara á saída do sol.
Agora cómpre realizar os estudos pertinentes que ratifiquen esta hipótese e que, de confirmarse, estariamos ante un novo achado arqueolóxico descuberto grazas á colaboración de particulares, concienciados da importancia que ten dar a coñecer o noso patrimonio.

FOTOS: https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157644267565392/

5/01/2014

O SEPRONA LOCALIZA OS RESPONSABLES DO DEPÓSITO ILEGAL DE ESCOMBROS NO CASTRO DA CROA DE SANTE, DE TRABADA

Os responsables terán que retirar o material depositado no foxo do castro.
Tras a denuncia de ADEGA e Mariñapatrimonio realizada o pasado 12 de abril, o SEPRONA abriu unha investigación para localizar os responsables do depósito dunha entulleira con varias toneladas de cascallos de construción sobre o Castro da Croa de Sante, situado en Trabada, na provincia de Lugo.  
 Segundo puidemos saber ambas as dúas organizacións, as pesquisas do SEPRONA conseguiron identificar aos responsables, que agora se enfrontan a posibles multas por presunto delito contra o medio ambiente e por danos contra o patrimonio. Así mesmo, obrigaráselles a retirar todos os materiais depositados de forma ilegal neste xacemento arqueolóxico.
A meirande parte da sociedade é consciente de que non se pode deixar o lixo en calquera lugar, pero algunhas persoas seguen actuando de maneira incívica e irresponsable, provocando danos que nos afectan a todos.
Desde ADEGA e Mariñapatrimonio agardamos que este tipo de sucesos deixen de producirse no noso país e que a Administración estea máis vixiante para que así sexa. Alén disto, queremos sinalar o eficiente labor do SEPRONA pola rápida resolución deste caso




O pasatempo d´O Pasatempo.

 Cando nunha rocha aparecen gravuras en forma de cazoletas e liñas, considéranse petróglifos. Se onde aparecen as gravuras son laxes que conforman un banco, entón dise que son taboleiros de xogos, é dicir, pasatempos.
Na Ponte do Pasatempo de Mondoñedo, segundo recolle a lenda, fixéronlle pasar o tempo á dona do Mariscal Pardo de Cela, cando viña co indulto, para que non chegase a tempo de salvar o seu home.
Deixando a lenda á parte, velaí o pasatempo da Ponte do Pasatempo.






4/17/2014

Ana María Nicolasa Mel Basanta non quixo agardar

 
Naqueles tempos as persoas que percorrían o Camiño Real de Viveiro a Mondoñedo, agardábanse para cruzaren xuntos a Ameixoada, porque entre os grandes penedos agochábanse salteadores de camiños.
Nicolasa atreveuse un día a facer o camiño soa e tres bandoleiros saíronlle ao encontro. Nicolasa axiña recoñeceu dous deles que, ao decatárense de que foran descubertos, acoitelárona sen piedade. Os asasinos eran seus tíos.
Nicolasa tiña tan só 23 anos.
Estes feitos tiveron lugar en setembro de 1775 e esta humilde cruz, case esquecida nun camiño apenas transitado, lembra o tráxico final de Ana María Nicolasa.
Onte percorrimos este camiño con Gonzalo (Portela), que nos relatou esta vella historia