12/16/2013

Conferencia de Antonio Reigosa e visita guiada ás Pisadas do Encanto nas Anzas.

O vindeiro sábado 21 de decembro ás 20h00 na Casa das Letras de Ribadeo, o escritor, investigador e divulgador da mitoloxía popular Antonio Reigosa impartirá a conferencia “Simboloxía e significado dos relatos míticos e lendarios asociados ao patrimonio cultural da Mariña lucense”. Esa mesma tarde, ás 16h30 realizarase unha visita guiada ao petroglifo podomorfo das Pisadas do Encanto nas Anzas – Ribadeo.
Galicia conta cun importante patrimonio arqueolóxico, así como un gran patrimonio de tradición oral, lendas e relatos míticos. Estes dous elementos están estritamente relacionados; non hai castros, mámoas ou petroglifos que non conten coa súa repectiva lenda de mouros, serpes, tesouros ou encantos.
Esta relación obsérvase nas Pisadas do Encanto das Anzas, onde un vestixio arqueolóxico se xunta con maravillosas lendas e contos de encantos.
Mariña Patrimonio, a A.C. Francisco Lanza e a Asociación Alesancia das Anzas invitan a asistir a esta visita e posterior conferencia impartida polo mindoniense Antonio Reigosa.
A visita guiada sairá ás 16h30 do aparcadoiro municipal de Ribadeo. Despois, ás 20h00, terá lugar a conferencia na Casa das Letras de Ribadeo.

12/11/2013

LIMPEZA DO HIPOCAUSTO ROMANO DE BURELA



 
O domingo, 15 de decembro, as asociacións Buril, Cultura do País, ADEGA e Mariñapatrimonio realizarán o roteiro “Xacementos arqueolóxicos da Mariña. Xoias do Patrimonio”. Con este roteiro preténdese reivindicar a volta da ourivería romana da colección Álvaro Gil ao Museo de Lugo.

Hai uns días dende estas asociacións denunciábase o lamentable estado de abandono no que se atopa o hipocausto romano de Burela, convertido nun vertedoiro de lixo. Como no roteiro tamén se contempla visitar este hipocausto, aproveitarase para limpar e retirar todo o lixo que invade este xacemento. Con esta limpeza queremos amosar a situación real na que se atopa unha parte do noso patrimonio e a falta de interese que amosan os responsables da súa conservación.

12/09/2013

ROTEIRO “XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS DA MARIÑA. XOIAS DO PATRIMONIO”

 
As asociacións Buril, Cultura do País, Adega e Mariñapatrimonio organizamos para o domingo 15 de decembro un roteiro por varios dos xacementos arqueolóxicos da Mariña relacionados coa ourivería prerromana.
A meirande parte da xoiería prerromana de Galiza que chegou até os nosos días procede da Mariña. Un número importante destas xoias mariñás conforman a colección Álvaro Gil, recentemente retirada do Museo de Lugo e levada para unha cámara acorazada en Madrid.
As asociacións arriba citadas agardamos que esta situación se corrixa e regresen axiña ao Museo de Lugo. Para reivindicarmos a súa volta,organizamos este roteiro arqueolóxico polos lugares relacionados coa ourivería da Idade do Ferro na Mariña.
Comezaremos o roteiro visitando as minas de ouro da Espiñeira; posteriormente dirixirémonos a Marzán para ver dous dos seus castros: o do Carreiro e o Cu do Castro, onde se atopou o coñecido torques de Marzán. Trala visita do castro de Fazouro, desprazarémonos a Burela coas visitas ao hipocausto e ao castro de Castrelo.
En Burela teremos unha comida de confraternización.
Remataremos o roteiro na zona d´Os Castros e ás Tetas da Vinculeira, onde apareceron o torques e a arracada de Burela.
 
Os puntos e horas de encontro son:

DENDE LUGO:
9h30. Diante da facultade de Maxisterio (Avda. Reimundo de Borgoña, antigo Ramón Ferreiro).
O prezo é de 10€ para socios e 15€ non socios, e inclúe o autocarro a comida e o roteiro. A inscrición en: culturadopais@gmail.com. Inscribirse antes do 11 de decembro.

DENDE A MARIÑA:
11h15. Cruz do Lobo – Barreiros (O Asador ).
O prezo é de 10 euros para socios, 12 euros para non socios, inclúe a comida e o roteiro.
A inscrición en: ccburil@gmail.com ou nos teléfonos 619553236 ( Miguel) 616995013 (Roberto). Inscribirse antes do 12 de decembro.

12/04/2013

CATRO ASOCIACIÓNS PIDEN A PROTECCIÓN DO HIPOCAUSTO ROMANO DE BURELA, FRONTE O SEU ABANDONO

Esta xoia da arqueoloxía corre o risco de desaparecer, de non tomárense as medidas necesarias para a súa protección.
Burela, 04 de decembro de 2013.- O Colectivo Cultural Buril, a asociación Cultura do País, ADEGA e Mariñapatrimonio veñen de presentar no Servizo de Patrimonio da Xunta un escrito denunciando o lamentable estado de degradación e abandono no que se atopa o xacemento arqueolóxico de Castrelo, no concello de Burela.
Os hipocaustos son sistemas de calefacción empregados polos romanos para quentaren os balnearios e mesmo as súas mansións. O hipocausto romano de Burela, foi atopado no ano 2004 nas proximidades do que ía ser a nova estrada de acceso ao porto. Con motivo da escavación arqueolóxica realizada nunha parte do xacemento, saíron á luz varios muros e estancias dun hipocausto, así como diversos materiais de época romana.
Transcorridos nove anos dende esta intervención arqueolóxica, os restos arqueolóxicos atópanse nun lamentable estado de degradación e sen ningún tipo de protección.
O sitio arqueolóxico está a sufrir o desgaste propio das inclemencias meteorolóxicas, a vexetación apropiouse do xacemento, os tixolos das columnas do hipocausto e outros materiais arqueolóxicos están a ser espoliados e mesmo se está a utilizar este ben patrimonial como entulleira para o lixo.
As asociacións arriba citadas demándanlle á Xunta de Galiza que cumpra e que faga cumprir a lei de Patrimonio na que se recolle que:
Tódolos bens que integran o patrimonio cultural de Galiza gozarán das medidas de protección
Os propietarios, están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos debidamente para aseguraren a súa integridade e evitaren a súa perda, destrución ou deterioración.
Os poderes públicos garantirán a protección, a conservación e o enriquecemento do patrimonio cultural de Galiza.
En Galiza acabamos de perder, agardamos que só sexa temporalmente, a ourivería prerromana da colección Álvaro Gil, entre a que se atopa o torques de Burela. Non podemos permitir que outra xoia da arqueoloxía de Burela, como é o hipocausto romano do Castrelo, desapareza para sempre por mor da desidia dos que teñen a obriga de protexela.


10/21/2013

FOMENTO E A XUNTA ABANDONAN O XACEMENTO ARQUEOLÓXICO DE A RODA DE BARREIROS

 
Foi descuberto por mor das obras da autovía A-8 e aínda está sen protexer.

 Cultura do País, ADEGA e Mariñapatrimonio vimos de presentar unha denuncia perante Patrimonio polo abandono e posibles danos de A Roda de Barreiros.
No xacemento arqueolóxico de A Roda de Barreiros realizouse no 2006 unha intervención arqueolóxica por mor do trazado da autovía A-8, que pasaba enriba deste xacemento. Trala escavación case total de A Roda sae á luz un importante e enigmático xacemento que a día de hoxe, e sen estar concluída a escavación, os arqueólogos descoñecen o seu uso e a súa datación.
Na actualidade, os arqueólogos da Xunta din que A Roda pode ter certa similitude co círculo da Chousa do Rodeiro do castro de Coeses (Lugo), actualmente ameazado tamén polas obras da autoestrada Santiago-Lugo.
Hai sete anos a Xunta e Fomento decidían variar o trazado da autovía para evitar a destrución deste xacemento único en Galicia e, tras unha custosa intervención, A Roda lograba salvarse.
Hoxe en día, despois da súa “salvación”, o xacemento de A Roda atópase nun lamentable estado de abandono con visibles signos de degradación e destrución porque Fomento non cumpriu coa súa obriga de conservar, coidar e protexer este ben patrimonial, amosando unha vez máis o seu escaso interese polo noso patrimonio.
Por iso, dende as nosas asociacións, instamos á Xunta para que cumpra coa súa obriga legal de protexer o patrimonio e que obrigue ao Ministerio de Fomento a adoptar as medidas necesarias para conservar, coidar e protexer este ben patrimonial.

8/22/2013

Roteiro



Dando continuidade á conferencia sobre a ourivería prerromana na Mariña de Lugo, a cargo da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, realizouse un roteiro divulgativo pola recentemente descuberta mina romana de ouro da Espiñeira, situada a ámbalas dúas marxes da ría do Masma, ocupando máis de 100 Has. dos concellos de Barreiros e Foz. Previamente, no CENIMA de Foz, o Presidente de Mariña Patrimonio, Manuel Miranda, explicou de forma moi gráfica,  ante unhas 60 persoas os detalles do descubrimento e as características desta importante explotación aurífera.  Así mesmo explicou e amosou imaxes do castro do Carreiro, recentemente recoñecido pola D.X. de Patrimonio da Xunta de Galicia como xacemento mineiro romano a instancias de Mariña Patrimonio,  despois de demostrar a existencia de galerías de prospección romanas, coa colaboración do grupo de espeleoloxía de Mondoñedo, que explorou e fotografou estas instalacións. Segundo as opinións de expertos consultados por Mariña Patrimonio, o curso baixo do río Masma nos concellos de Foz, Barreiros e Lourenzá puideron constituír unha área de intensa ocupación e actividade

mineiro industrial na época castrexa e romana, como atestigua a gran cantidade de castros,  arredor  de vinte, que se teñen rexistrado nesta área, o que constitúe unha novidade importante con respecto ao que se pensaba ata agora.

De seguido, o grupo desprazouse á Espiñeira para realizar un percorrido pola mina, tanto no lado de Barreiros coma no de Foz, para coñecer os restos visibles deste enorme complexo mineiro, hoxe cuberto por eucaliptos e pola espesa vexetación baixa.  As talas realizadas nalgunhas zonas permiten apreciar con bastante claridade unha complexa rede de profundos sucos escavados pola auga sobre terreos aluviais ricos en ouro, cuxos arrastres eran recollidos en canles nos que se realizaba a decantacion do ouro e que eran evacuados posteriormente cara á ría. Cabe pensar que a estrada comarcal e o propio polígono industrial de Barreiros puideran estar construídos sobre parte da mina;  porén, gran parte da mesma está cuberta por unha masa forestal actualmente de eucalipto e anteriormente de piñeiro. Esta circunstancia, que implica unha escasa intervención humana realizada desde entón, fixo posible que o seu estado de conservación sexa bastante bo, a pesar dos dous mil anos transcorridos, se ben se cre que a mina puidera ocupar unha extensión bastante maior da que hoxe se aprecia.

8/19/2013

O castro de San Acisclo e unha galería de mina romana: novos xacementos arqueolóxicos do concello de Foz.

 Castro de San Acisclo
O castro de San Acisclo do Valadouro e unha galería de ouro de época romana foron incluídos no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia, trala solicitude de inclusión por parte de Mariñapatrimonio.
O castro de San Acisclo:
Xa no 1876 José Villamil Y Castro no seu artigo Los castros y las mámoas de Galicia facía referencia ao castro de San Acisclo,aínda que ninguén coñecía a súa localización e mesmo se dubidaba da súa existencia.
Mariñapatrimonio, grazas ás ferramentas que proporciona internet, puido localizar este xacemento e informou ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia. Trala pertinente inspección, foi incluído no Inventario de xacementos arqueolóxicos coa denominación “Os Castros” e a clave GA27019022.
Galería mineira de época romana:
No ano 2012 Mariñapatrimonio dá a coñecer a existencia dun castro costeiro de grandes dimensións no lugar de O Carreiro (Foz), así mesmo informábase a Patrimonio da existencia de varias galerías mineiras neste mesmo lugar. O Servizo de Patrimonio da Xunta, trala súa inspección, inclúe o xacemento no Inventario, malia a que desbota que o xacemento sexa un castro e descarta a existencia de explotacións mineiras no lugar de O Carreiro. 

 
 O Carreiro
Grazas á colaboración dun grupo de espeleólogos de Mondoñedo, foi posible a entrada nunha das galerías de O Carreiro. Esta galería, picada na rocha, duns 30m de longo e de moi boa factura, conserva os chamados lucernarios, que son pequenos ocos cavados nos laterais da galería para colocar as lámpadas de aceite, lucernas, que iluminaban as galerías. Estes lucernarios son a clave para datar esta explotación mineira en época romana.
A Xunta vén de corrixir o erro e recoñece a existencia destas minas ao tempo que as inclúe no Inventario de xacementos arqueolóxicos na ficha do xacemento do Carreiro-Marzán (GA27019021).
O martes 20 e o mércores 21 de agosto, Mariñapatrimonio tén organizado unhas Xornadas de difusión do patrimonio arqueolóxico da Mariña e no transcurso das mesmas amosaranse as fotografías da galería da mina romana do castro de O Carreiro.
Galería da mina romana do castro de O Carreiro

8/16/2013

A OURO NA MARIÑA



XORNADAS DE DIFUSIÓN DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO DA MARIÑA.
A asociación MARIÑAPATRIMONIO organiza para os días  20 e 21 de agosto unhas xornadas de  difusión do noso patrimonio arqueolóxico centradas nas explotacións auríferas romanas descubertas recentemente nos concellos de Foz e Barreiros
  
Martes día 20 ás 20:30h no CENIMA de Foz conferencia “O ouro antigo. Significado dos obxectos áureos prerromamos” a cargo da especialista en orfebrería prerromana, Aurelia Balseiro García, que disertará sobre a produción áurea na Mariña en época prerromana, con especial referencia ao torque de Marzán.

Mércores 21 ás 17:30h, Roteiro pola mina romana de Foz e Barreiros que  consta de tres partes:
1ª parte: Breve charla explicativa sobre o que veremos no transcurso do roteiro a cargo de Manuel Miranda Ruíz, presidente de Mariñapatrimonio, ás 17:30 no CENIMA de Foz.
2ª parte: Rematada a charla,saída dende o CENIMA de Foz en coches particulares cara á mina do lugar da Cova (Barreiros) onde se iniciará un percorrido de 4 Km pola antiga explotación aurífera romana.
3ª parte: Traslado en coche ata o Campo da Feira da Espiñeira en Foz, onde se realizará un pequeno percorrido para observar  as grandes canles de lavado do ouro e a pegada desta explotación na paisaxe.

5/21/2013

O castro da Atalaia, protagonista da cuarta conferencia do ciclo “Arqueoloxía e o mar: Navegando na nosa historia”, o próximo venres no Museo do Mar de San Cibrao.

O  que aconteceu no xacemento arqueolóxico do castro da Atalaia é sobradamente coñecido, o que ignoramos son os resultados das diferentes intervencións arqueolóxicas realizadas neste xacemento; por iso, Mariñapatrimonio agradece a Marián Cueto e a Edgard Camarós, organizadores deste interesante ciclo de conferencias, a oportunidade que nos brindan a todos os mariñáns para comezar a coñecer os segredos que se ocultaban baixo as areas da Atalaia.
A conferencia a cargo dos especialistas Víctor Bejega García e Esteban Álvarez Fernández, que leva por título:"De piscatores a mareantes: Evidencias arqueolóxicas de pesca e marisqueo en Punta Atalaia (San Cibrao, Cervo)", terá lugar o venres 24 de maio ás 19:00h no Museo do Mar de San Cibrao.
Dende Mariñapatrimonio animamos a todas as persoas interesadas en coñecer o noso pasado e a nosa historia a asistir a este acto, que nos informará sobre aspectos relevantes da vida cotiá dos habitantes da Atalaia na Idade do Ferro.

5/09/2013

ADEGA E MARIÑAPATRIMONIO PIDEN Á XUNTA QUE PRESERVE A COVA DA SENRA DO PASO DA AUTOESTRADA BARREIROS - SAN CIBRAO




En novembro de 2012, o xacemento foi inventariado tras a demanda de ADEGA e Mariñapatrimonio.
ADEGA e Mariñapatrjmonio demandan á Xunta de Galicia que non autorice o paso da autoestrada A-82 por riba do xacemento, posiblemente castrexo, denominado Cova da Senra e situado en Cervo. O xacemento está inventariado desde novembro do ano pasado; aínda así, segue correndo o risco de desaparecer, xa que a Xunta non determinou ningún cambio no trazado da infraestrutura prevista que preserve este ben patrimonial.
En decembro de 2011, tras a publicación no BOE do trazado definitivo da autoestrada Barreiros- San Cibrao (A-82), os veciños da Senra (Cervo) decátanse de que o trazado elixido, á parte de destruír os mananciais de onde aproveitan a auga para o uso doméstico, tamén podía afectar a un xacemento arqueolóxico non inventariado que a empresa encargada de elaborar o proxecto da autovía non detectou, malia a monumentalidade do xacemento.
ADEGA e Mariñapatrimonio comunícanlle á Xunta de Galicia a existencia deste ben patrimonial en perigo e solicítanlle a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos para así asegurar a súa protección e evitar o paso da autovía por este lugar.
En marzo de 2012 membros de Mariñapatrimonio e de ADEGA acompañan aos técnicos de Patrimonio para ver o posible xacemento e días despois a Xunta confirma que “este punto se vería afectado pola obra”.
Finalmente, no mes de novembro de 2012, a Dirección Xeral de Patrimonio informa ás citadas asociacións sobre a inclusión deste xacemento no Inventario coa clave GA27013014.
O mesmo que tiña acontecido co castro do Carreiro de Foz, a Xunta limítase a dicir que a Cova da Senra é un xacemento arqueolóxico, pero non precisa a tipoloxía nin o período cultural ao que pertence.



A Cova da Senra é un xacemento arqueolóxico que, como se pode observar nas fotos aéreas do 1956 e nas imaxes LIDAR que borran a vexetación, ten forma case circular; o eixo maior mide 135m e o menor 120m; está rodeado por un impresionante sistema defensivo que illa o xacemento do entorno onde está situado. Pola parte máis vulnerable, o sistema defensivo conta con catro foxos e catro parapetos e no interior do recinto poden apreciarse os restos dunha edificación circular.
Neste xacemento tamén se atopou un muíño barquiforme, como os que se adoitan encontrar nos castros.
As características que se acaban de enumerar e os restos atopados, evidencian que o xacemento da Cova é un castro.
Este castro,porén, ten unha característica que o diferencia da maioría: os seus construtores, no canto de elixir un lugar máis ou menos chao para a súa ubicación, situárono nun dos lugares máis costentos da Senra. Con todo, non é un caso único; coñécense outros con esta peculiaridade. Esta estraña localización fai especialmente interesante a Cova da Senra.
ADEGA e Mariñapatrimonio agardan que a Xunta de Galicia non autorice o actual trazado da autovía e se procure un trazado alternativo que non afecte nin destrúa o castro da Cova da Senra.


Enlaces Fotos:
https://picasaweb.google.com/101936272298621785797/ACovaSenraCervoLugo02