4/28/2019

VISITA POLO PATRIMONIO CIVIL E RELIXIOSO DE FOZ

Fotos da visita que realizamos o 30 de marzo de 2019 ao patrimonio civil e relixioso de Foz.




4/22/2019

O COLECTIVO PENSAMENTO E SEMENTEIRA E A ASOCIACIÓN MARIÑA PATRIMONIO ORGANIZAN UNHA CONFERENCIA SOBRE AS BATERÍAS COSTEIRAS DE VIVEIRO.

 

O vindeiro 25 de abril, xoves, ás 20h.00 na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro terá lugar a conferencia O sistema defensivo litoral no Cantábrico galego. Séculos XVII-XVIII. O caso de Viveiro- Celeiro, que impartirá o historiador Xosé María Leal Bóveda. A actividade, que conta coa colaboración do Concello de Viveiro ten como finalidade dar a coñecer as baterías costeiras de San Xoán e de Celeiro. Estes importantes bens culturais non gozan na actualidade de protección, polo que a asociación Mariña Patrimonio solicitou a súa inclusión no catálogo de bens patrimoniais en marzo de 2018. Malia o tempo transcurrido, a citada asociación non recibiu aínda ningunha resposta por parte de Patrimonio.
A batería de Celeiro, a mellor conservada, podería verse afectada polo corredor da costa norte, de levarse a cabo o proxecto de construción dunha ponte sobre a ría de Viveiro.
Enlace fotografías estado actual das baterías e documentación antiga:

4/17/2019

CONFERENCIA SOBRE AS BATERÍAS COSTEIRAS DE VIVEIRO A CARGO DO HISTORIADOR XOSÉ MARÍA LEAL

A actividade, organizada polo colectivo Pensamento e Sementeira e maila a asociación Mariña Patrimonio, terá lugar o xoves 25 de abril en Viveiro.

O historiador Xosé María Leal Bóveda impartirá a conferencia O sistema defensivo litoral no Cantábrico galego. Séculos XVII-XVIII. O caso de Viveiro- Celeiro na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro. O acto, que comezará ás 20h.00, conta coa colaboración do Concello de Viveiro e ten como finalidade dar a coñecer as baterías costeiras de San Xoán e de Celeiro. Estes bens culturais, malia a súa importancia, son unhas grandes descoñecidas do patrimonio de Viveiro e non contan na actualidade con ningún tipo de protección.

4/14/2019

MARIÑA PATRIMONIO CELEBRA A RETIRADA DOS 13.000 METROS CÚBICOS DE TERRA QUE SEPULTAN A ESTRUTURA CIRCULAR DE XOVE (LUGO)

Os técnicos de Cultura, a pesar das dimensións do depósito de terra, non apreciaran ningunha alteración neste xacemento arqueolóxico.
 En 2015 Mariña Patrimonio descubrira a estrutura circular de Lavandeira en Xove e solicitara a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. Tras a inspeccion do lugar, o Servizo de Patrimonio redactou unha ficha normativizada do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC, quedando este lugar unicamente como “referencia”.
Cando Mariña Patrimonio descubriu este sitio arqueolóxico, a metade da estrutura circular fora xa sepultada polo corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro. Lamentablemente, o estudo arqueolóxico elaborado para a realización deste corredor non detectara o xacemento arqueolóxico.
Trala comunicación destes feitos á Dirección Xeral de Patrimonio por Mariña Patrimonio, en 2017 realízanse catas que confirman a existencia dun xacemento arqueolóxico da Idade do Bronce.
Agora a Xunta ben de licitar por 212.000 euros as obras para retirar a terra acumulada sobre este ben patrimonial.
 A asociación Mariña Patrimonio considera que conseguir que se revirta esta agresión e que se restableza a estrutura arqueolóxica ao seu estado anterior é, sen dúbida, unha moi boa noticia para o patrimonio e un triunfo para todas as persoas que intentan defendelo. Mais tamén ve unha certa derrota ao comprobar a reiterada incapacidade institucional para artellar políticas eficaces de protección do patrimonio.
O feito de non ter detectado a estrutura circular de Lavandeira, que era facilmente visible, tanto nas fotografías aéreas coma sobre o terreo, proba que non se actúa todo o ben que se debería. Ademais cómpre ter en conta que corrixir este erro vai custar 212.000€, que saen dos petos de todos.
Mariña Patrimonio aproveita para chamar a atención sobre a información que aparece na ficha do inventario da estrutura circular, na que os técnicos da Conselleria de Cultura sosteñen que a “mesta vexetación que cobre a zona impide apreciar o grao de conservacion desta estrutura”. Sorprende que a pesar da vexetación puideran ver o recinto circular, que ten “unha altura duns 80 a 90 cm” e, pola contra, non se decataran de que a estrutura circular de Lavandeira tiña a metade da súa superficie sepultada por un terraplén de mais 10m de alto.
Para Mariña Patrimonio é preocupante que os técnicos de Cultura de Lugo non apreciaran alteracións na estrutura circular, tal como recollen na ficha do inventario, e que non se decataran da gran acumulación de terra (13.000 metros cúbicos, segundo datos da Xunta), depositada sobre un xacemento arqueolóxico de tan só 50 metros de diámetro .

Ficha normativizada do Inventario do xacemento de Lavandeira



4/08/2019

A CONSELLERÍA DE CULTURA NON PROTEXE UN XACEMENTO DA IDADE DO BRONCE EN CERVO

Malia a que en 2010 Cultura comprobou a existencia de restos arqueolóxicos nesta zona, na actualidade segue sen adoptar as medidas necesarias para protexer este ben patrimonial.

ADEGA e Mariña Patrimonio informaron a comezos do pasado mes de febreiro ao Servizo de Patrimonio de Lugo e ao Concello de Cervo sobre os movementos de terra que se estaban a producir durante os labores de limpeza dunha finca en Cuíña, situada a escasos metros dunha zona onde se atopan restos arqueolóxicos. Estes movementos poderían ter afectado o sitio arqueolóxico, no que se aprecian centos de fragmentos de cerámica que, segundo varios arqueólogos consultados, datarían da Idade do Bronce.
Este importante e singular xacemento foi descuberto por Mariña Patrimonio en 2010, data na que xa se informara ao Servizo de Patrimonio de Lugo da súa aparición ao tempo que se lle solicitara a súa catalogación e protección. Trala inspección do lugar, no informe elaborado daquela por Patrimonio dicíase “ O día 26/04/2010 os técnicos do Servizo de Patrimonio Cultural deste Departamento Territorial realizaron unha inspección do lugar indicado e atoparon unha concentración notable de cerámica (...)”.
Curiosamente, malia a que o Servizo de Patrimonio de Lugo constatou a existencia desta concentración notable de cerámica, non tramitou o procedemento de inclusión do xacemento no catálogo, quedando desprotexido este ben patrimonial.
A comezos de 2018, o paso de maquinaria pesada por esta zona arqueolóxica desprotexida provocou novamente o afloramento dunha inxente cantidade de fragmentos cerámicos, polo que se contactou nesta ocasión co Concello de Cervo para informar sobre a anómala desprotección deste importante xacemento. Así mesmo, en diferentes reunións mantidas en 2018 con membros da Dirección Xeral de Patrimonio en Santiago, Mariña Patrimonio e ADEGA expresaron a súa preocupación pola incomprensible desprotección deste e doutros bens patrimoniais da Mariña.
Ambas asociacións valoran moi positivamente a receptividade do Concello de Cervo e do seu alcalde para procurar que este depósito de cerámica da Idade do Bronce se protexa adecuadamente. Ademais, destacan a rapidez coa que o Concello paralizou os movementos de terra que se estaban a realizar nas inmediacións deste depósito arqueolóxico durante a limpeza dunha finca.
ADEGA e Mariña Patrimonio agardan que a Dirección Xeral de Patrimonio actúe coa mesma dilixencia, recolllendo canto antes os restos arqueolóxicos diseminados polo lugar e que corrixa o posible erro do Servizo de Patrimonio de Lugo, que non catalogou este ben patrimonial do que teñen constancia dende o 2010.




3/28/2019

CULTURA RECOÑECE QUE UNHA CANTEIRA EN MONDOÑEDO OCUPOU ZONAS PROTEXIDAS DO CASTRO DE TRINIDADE E DO CAMIÑO DE SANTIAGO

A Consellería de Cultura abre dilixencias informativas sobre este caso e contradí cos seus informes os emitidos no seu día polo Servizo de Patrimonio de Lugo.
 
Ó redor do Castro da Trinidade1

Como resultado das denuncias presentadas polas asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio, a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural enviou un documento ao Concello de Mondoñedo onde se informa que “con motivo das dilixencias informativas abertas por explotación de canteira no lugar de Vilamor” esta canteira “ocupa terreos do ámbito protexido do xacemento Castro da Trinidade, alterando substancialmente o terreo e subsolo, sen que dita intervención teña amparo dunha autorización desta Administración”. Neste mesmo documento recoñécese que dita explotación ocupa tamén “superficie do territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte”.
Por outra parte, Patrimonio sinala que este ben patrimonial está catalogado e que en 1997 establecéranlle límites á canteira para protexer a mencionada zona arqueolóxica.
Esta documentación da Subdirección Xeral de Patrimonio baséase nos informes realizados por arqueólogos da Dirección Xeral de Patrimonio de Santiago. Uns informes que contrastan, contradín e mesmo deixan en evidencia os elaborados polo Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo. Desde o Servizo provincial pretendíase demostrar a inexistencia do sitio arqueolóxico, así como xustificar as desfeitas provocadas por Canteras Santa Cecilia, argumentando que se trataba dunhas “antigas remocións de terras” nunha “canteira hoxe abandonada”.
Cómpre lembrar que o Servizo de Patrimonio de Lugo mesmo tiña solicitado a descatalogación deste sitio arqueolóxico; descatalogación e desprotección que non se chegou a materializar porque o Servizo de Lugo posiblemente non tiña seguido os procedementos legais para conseguilo. A descatalogación do xacemento conlevaría uns beneficios económicos moi elevados para a empresa propietaria da canteira e legalizaría a posible situación irregular, derivada da ocupación e explotación dunha zona arqueolóxica protexida.
En 2018 ADEGA e Mariña Patrimonio denunciaban perante a Fiscalía a posible ocupación e destrución do sitio arqueolóxico pola canteira, así como o intento de desprotección do xacemento por parte do Servizo de Patrimonio de Lugo, achegando ambas asociacións probas que contradín os informes elaborados por este Servizo. Agora é a propia Dirección Xeral de Patrimonio a que achega probas dos posibles danos no Castro de Trinidade e no Camiño de Santiago, deixando en evidencia o Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo.



3/14/2019

VISITA POLO PATRIMONIO CIVIL E RELIXIOSO DE FOZ

O vindeiro 30 de marzo Mariña Patrimonio organiza unha visita guiada a Foz para coñecer o seu patrimonio civil e relixioso. Nesta visita, ademais de percorrer lugares emblemáticos da vila, achegarémonos ata a Frouxeira, San Martiño e Vilaronte.
De haber un número suficiente de persoas interesadas en participar nesta actividade, os desprazamentos faríanse en bus, que sairía de Viveiro e faría paradas intermedias ata chegar a Foz. As persoas que veñan doutra zona, e tamén as de Foz, poderían incorporarse ao bus para desprazárense ata os diferentes lugares da visita.
Antes de reanudar as actividades da tarde, haberá un xantar no que poderán participar todas as persoas que o desexen.
Para poder organizar axeitadamente esta saída, a data límite para anotarse é o próximo xoves 21 de marzo, indicando o nome, se é socia/o ou non, así como as opcións que lle interesen respecto ao bus e ao xantar. O venres 22 de marzo informarase sobre o importe que se deberá ingresar en función das opcións elixidas.
A xornada desenvolverase ao longo da mañá de 10.00h a 14.00h e continuará pola tarde de 16.00h a 19.00h.

11/25/2018

ALTA PARTICIPACIÓN EN CERVO NA CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO MUNDIAL.


O pasado 23 de novembro tiveron lugar dúas actividades relacionadas coa exposición de útiles do paleolítico, a cal permanecerá aberta na Casa do Concello de Cervo ata o día 30 de novembro. Nas actividades da mañá participaron arredor de cincuenta alumnos do IES Marqués de Sargadelos quen, ademais de asistir a unha charla do director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Eduardo Ramil, participaron nunha clase práctica de fabricación de útiles líticos e posteriormente tiveron a oportunidade de elaboraren algunha destas ferramentas.
Xa pola tarde, no Salón de Plenos do consistorio, Eduardo Ramil pronunciou diante dunhas cincuenta persoas unha interesante conferencia sobre quen eran, como vivían e que pegadas nos deixaron os primeiros poboadores da Mariña.
Pola exposición tamén pasou o xoves 22 de novembro o alumnado do colexio de Cervo; un total de oitenta e dous nenos e nenas que, ademais da visita guiada, participaron nun obradoiro de elaboración de útiles do paleolítico.
A exposición, así como as distintas actividades de divulgación organizadas por Mariña Patrimonio e a Asociación Cultural Fervenza de Sargadelos, enmárcanse na celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial como resposta á iniciativa da Rede do Patrimionio Cultural. Na súa realización contou coa estreita colaboración da Asociación de Amigos do Museo de Vilalba, do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e mais do Concello de Cervo.
As asociacións organizadoras queremos agradecerlles tanto ao director do Museo de Vilalba, Eduardo Ramil, coma ao concelleiro de Patrimonio de Cervo, Alfredo Fernández, a súa colaboración e implicación na divulgación do noso patrimonio.

11/14/2018

EXPOSICIÓN DE ÚTILES LÍTICOS DO PALEOLÍTICO EN CERVO NO DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO.

Con motivo do Día Internacional do Patrimonio Mundial, que se celebra o16 de novembro, as asociacións culturais Fervenza de Sargadelos e Mariña Patrimonio sumámonos á iniciativa da Rede do Patrimonio Cultural para conmemorar esta efeméride.
A nosa achega consistirá nunha exposición de útiles do paleolítico, achados nos últimos anos de forma casual en distintos lugares da Mariña. Estes útiles serán depositados, rematada a exposición, no Museo Arqueolóxico de Vilalba, seguindo as indicacións de Patrimonio.
A exposición poderase visitar do 16 ao 30 de novembro na Casa do Concello de Cervo, de luns a venres, en horario de 9.00H a 14.00H. Por outra banda, o 23 de novembro está previsto realizar pola mañá unha actividade con alumnado do IES Marqués de Sargadelos que, ademais de visitar a exposición, asistirán a unha charla informativa sobre o paelolítico e participarán nun obradoiro de fabricación de útiles líticos. Ese mesmo día pola tarde, ás 20.00h, o Director do Museo Arqueolóxico de Vilalba, Eduardo Ramil Rego, impartirá unha conferencia sobre os primeiros poboadores de A mariña.
Tanto a exposición coma os diferentes actos, contan coa colaboración do Museo Arqueolóxico de Vilalba, da Asociación de Amigos do Museo de Vilalba e mais do Concello de Cervo.

11/11/2018

Ensinando o patrimonio da Mariña.

Con Rutas de Historia, e cun tempo espléndido, ensinando o patrimonio da Mariña.
Fotos: https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/albums/72157700222358302